REFUXIO DE ANIMAIS

O Concello aposta por manter o actual modelo de xestión do Refuxio de Animais

21/02/2014 O alcalde compostelán, Ángel Currás, presidiu a reunión do Padroado da Fundación do Refuxio de Animais de Bando, que acordou uns gastos para 2014 de 275.000 euros. O Refuxio seguirá mantendo o actual modelo de xestión compartida, pero dende o Padroado son conscientes da necesidade de buscar novas formas de financiamento. Unha das novidades do novo exercicio será a instalación dunha caseta permanente de información sobre o Refuxio no parque da Alameda.

A concelleira de Sostibilidade, María Pardo, indicou que o Concello é partidario dun modelo de xestión como o actual que evita o sacrificio de animais e fomenta a súa adopción e acollida, pero que cada exercicio xera máis gastos que ingresos. Por iso, dixo, dende o Padroado apóstase por buscar novas formas de financiamento e por seguir potenciando servizos como a colocación de chips ou as vacinacións, as actividades para recadar fondos ou a busca de padriños. Nesta liña, e co fin de seguir fomentando as adopcións e acollidas e de informar sobre os servizos do Refuxio, este disporá dunha caseta no parque da Alameda.

Respecto ás contas, a edil apuntou que se prevén uns ingresos de 275.000 euros, fronte aos 241.000 de 2013, e uns gastos polo mesmo importe (os gastos en 2013 foran de 305.000 euros). No capítulo de ingresos, a achega fundamental é dos concellos participantes: Santiago, 145.242 euros; Teo, 29.486 euros; e Vedra, 8.426 euros. Completan este capítulo os ingresos polos servizos de pago que presta o Refuxio, apadriñamentos, doazóns, subvencións públicas e privadas...

Contémplase unha liña de crédito de 35.000 euros que, segundo explicou María Pardo, ten como fin asegurar o cobro dos salarios dos sete traballadores do Refuxio ante eventuais retrasos nas achegas dos concellos. En relación a isto, un dos obxectivos do Padroado é facer mensuais as achegas municipais, fronte aos actuais pagos cuadrimestrais.

Ingresos e saídas
En 2013, o Refuxio de Animais de Bando rexistrou a entrada de 494 cans (276 machos e 218 femias), fronte aos 608 cans (349 machos e 259 femias) ingresados en 2012. Isto supón unha redución nas entradas de 114 cans.

O número de gatos de novo ingreso pasou dos 292 de 2012 (138 machos e 154 femias) aos 274 de 2013 (133 machos e 141 femias), o que representa unha redución de 18 gatos.

En canto ás saídas, adoptáronse 375 animais (467 en 2012) e foron acollidos 104 (81 en 2012). Outros 144 animais foron recollidos polos seus donos (168 en 2012). Ademais, rexistráronse 85 falecementos (79 en 2012) e fixéronse 66 eutanasias (81 en 2012). O Refuxio de Animais ten nas súas instalacións uns 450 animais.

Compartir: