TURISMO

Os primeiros gañadores do concurso "Desexo concedido" chegan para San Valentín

13/02/2014 O concurso de Turismo de Santiago Desexo concedido outorgou en decembro 10 premios en Facebook e 10 en Twitter compostos de aloxamento, cea, cata e visitas para gozalos en época de menor ocupación turística. Os primeiros gañadores en chegar son casualmente dúas parellas que celebrarán o Día dos Namorados co seu premio.

Esta fin de semana chegarán os primeiros gañadores do concurso Desexo concedido, de Turismo de Santiago, para gozar do seu premio celebrando por todo o alto o Día dos Namorados. Trátase de dúas parellas galegas que gañaron dous dos 20 premios outorgados o pasado decembro por Turismo de Santiago entre os crecentes seguidores de Facebook e Twitter. O concurso tivo 304 participantes e repartiu premios por Galicia, España, Europa e América Latina.

A primeira parella de afortunados son Emilio Rey Redondas e Moncha Alvariño Martinez, de 66 años, que recibiron como agasallo o premio gañado en Twitter pola súa filla Rut, que participou desde Bruxelas, onde traballa. Emilio e Moncha levan 40 anos de casados "coa ilusión do primeiro día"; teñen dous fillos composteláns e unha neta de 7 anos, Carlota, e reparten o seu tempo entre Ordes e San Miguel de Reinante. Están ilusionados por poder celebrar a data en Compostela, que lles parece "unha cidade única, onde tivemos a sorte de residir algúns anos e onde sempre se descobren cousas novas".

A outra parella está formada por Belén Baamonde Gómez e Josep Barrios Rojo, ambos de 23 anos. Ela –que gañou o premio en Facebook cunha foto dun bico na Cidade da Cultura- traballa coma acompañante de ambulancia e coidadora de anciáns nunha residencia de Outeiro de Rei e casas particulares; e el, catalán criado en Andalucía e agora asentado en Lugo, vén de rematar os seus estudos de idiomas. Aventureiros incansables, nos cinco anos que levan xuntos fixeron cinco veces o Camiño de Santiago. "Pero ata agora por falta de tempo recolliamos a Compostela e apenas podíamos ver a Catedral", conta Belén. "Con este premio temos un respiro nas obrigacións para relaxarnos xuntos disfrutando de Santiago a corpo de rei".

O premio Desexo concedido está valorado en 300 euros e inclúe dúas noites de aloxamento, cea degustación en O 16, cata de viño en Vide-Vide, tapeo en Petiscos e O Sexto, visitas aos tellados da Catedral e visita guiada en mp3. O resto de gañadores dispoñen de estancias válidas entre o 15 de xaneiro e o 15 de xuño; seis deles, procedentes doutras comunidades españolas e América Latina, xa escolleron a súa data para antes de abril.

"Estes novos amigos de Turismo de Santiago cumpren desde xa un papel de difusores da imaxe de Compostela nas súas cidades e países. Todos os días recibimos a máis seguidores nas redes sociais e isto favorece a conexión dos futuros viaxeiros cun destino que lles da a oportunidade de interaccionar e cumprir cos seus desexos de atopar aloxamentos excelentes, monumentalidade, gastronomía e lecer", sinalou a concelleira de Turismo, Reyes Leis.

Compartir: