FESTAS

Todo listo para recibir os Reis Magos

03/01/2014 Xornada especial un Nadal máis para recibir os Reis Magos o vindeiro domingo, 5 de xaneiro. Pola mañá, concerto infantil de Reis da Banda Municipal no Principal e, pola tarde, a tradicional cabalgata dende a estación de ferrocarril ata o Pazo de Raxoi, onde Melchor, Gaspar e Baltasar recibirán a todos os nenos e nenas.

Este domingo, 5 de xaneiro, ás 12:00 horas, o Teatro Principal acolle un concerto especial da Banda Municipal de Música dedicado aos os máis cativos, no que se interpretarán, entre outras, as músicas de Harry Potter, Mary Poppins ou O Mago de Oz. Os paxes do carteiro real recibirán os nenos que se acheguen ata o Principal e recollerán as cartas dos que aínda non as teñan enviado.

O concerto será de entrada libre ata completar o aforo. A billeteira abrirá ás 11:00 horas do mesmo día 5.

Cabalgata de Reis
Os Reis Magos chegarán ás 17:35 horas á estación do tren, onde serán recibidos polo carteiro real e pola Banda de Cornetas e Tambores de Santiago. Ás 18:00 horas iniciarase a Cabalgata, que seguirá o percorrido habitual: Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, República do Salvador, Hórreo, praza de Galicia, Senra, Porta Faxeira, rúa do Vilar, Xelmírez, Praterías e praza do Obradoiro.

Xunto ás carrozas dos Reis Magos percorrerán as rúas a carroza da estrela real de Oriente, a casiña das chucherías e a do carteiro real. As comitivas de Melchor, Gaspar e Baltasar estarán encabezadas por escuadróns de cabalos e rodeadas de heraldos. En total, haberá máis de 100 figurantes, aos que se unirán tamén uns 200 nenos e nenas máis que irán a bordo dun autobús antigo, das carrozas e dos dous trens turísticos. Unha charanga con repertorio de Nadal participará no percorrido e amenizará as rúas de Compostela.

As Súas Maxestades chegarán en torno ás 19:30 horas á praza do Obradoiro. Alí estará agardando a Banda Municipal e serán recibidas polo alcalde, Ángel Currás, e membros da Corporación. Saudarán os rapaces dende os balcóns de Raxoi, onde estará unha intérprete da lingua de signos, e haberá un pequena pirotecnia. A continuación, os Reis Magos recibirán os nenos e nenas que o desexen, un por un, no salón vermello.

Como novidade desta edición, Os Bolechas formarán parte da Cabalgata nun autobús descuberto que se estreará na nosa cidade. Mentres agardan na praza para formularlle as súas peticións aos Reis Magos, os nenos e nenas poderán gozar desta animación dos Bolechas. Haberá photocall, karaoke e outras atraccións.

Repartiranse 3.000 quilogramos de caramelos sen glute. Este ano soamente se tirarán caramelos dende as carrozas dos Reis e do carteiro real, que irán máis protexidas os lados polos heraldos e outro persoal por motivos de seguridade. Neste sentido, o Concello de Santiago prega aos pais que, durante o percorrido da Cabalgata, non deixen sos os nenos e nenas en primeira fila e garden as debidas precaucións ao paso dos vehículos da comitiva.

Compartir: