CENTROS SOCIOCULTURAIS

O Centro Sociocultural de Santa Marta celebrou o seu primeiro aniversario

28/12/2013 O Centro Sociocultural de Santa Marta celebrou o seu primeiro aniversario cos veciños e veciñas do barrio. Pola mañá, o malabarista Yuma agradou a nenos e nenas, pais e nais, dándolles unhas nocións básicas de malabares. Xa pola tarde, para todos os públicos, representouse o musical Sorrisos e bágoas, coa interpretación de cancións como "Edelweiss", "Amazing grace", "Beautiful that way" ou "What a wonderful world". O concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, asistiu a esta sesión.

O Centro Sociocultural de Santa Marta conta con diversos espazos para a realización de actividades. Destaca a Sala Agustín Magán, inaugurada oficialmente no mes de novembro, que debe o seu nome ao fundador do grupo de Teatro de Cámara Ditea, pioneiro do teatro en Galicia. Esta sala leva catro meses desenvolvendo programas e actividades a pleno rendemento, como por exemplo Compostela Cine Classic´13.

Durante os nove meses que leva activo e, sobre todo, no último trimestre, pasaron polo CSC 21.861 usuarios, repartidos entre os diferentes espazos e actividade:

- Biblioteca, con préstamo, sala de estudio e lectura: 3.246 usuarios.
- Aula de xogo: 1.607 nenos e nenas de 4 a 12 anos.
- Aula de novas tecnoloxías, con 13 actividades durante 3 meses e 10 terminais: 522 usuarios.
- Sala Agustín Magán, con actuacións teatrais, monicreques, contacontos, actuacións musicais, corais, etc.: 944 usuarios.
- Atención ao público, tanto telefonicamente, como por correo electrónico ou en conserxería: 5.686 usuarios.
- Catro exposicións (FEAPS/ FADENGA, Fundación Intervida, Fran Lareo e Grupo de Teatro Ditea): 3.138 usuarios.
- 30 actividades funcionando cun total de 342 usuarios inscritos.
- Programas de audiovisuais como:
o Compostela Cine Classic´13: 1013 usuarios.
o Pingas de realidade: 173 usuarios.
- Programa musical:
o Santa Marta Sounds, en colaboración coa Concellería de Xuventude: 70 usuarios.
- Programas en Rede:
o Imos ao Baile, Imos de excursión, Achégate a outras culturas (inglés e alemán, 4 cursos), Vive o Verán e Vive o Nadal, Campamento de Conciliación: Mañás de Verán e Mañás de Nadal, con 47 nenos apuntados, Cultura Viva. Fai túa Compostela, Programa Medrar en Familia: 702 usuarios.

Ademais, a asociación VEDESMA, de veciños do barrio, leva dende xaneiro ofertando tres actividades no CSC de Santa Marta: dous grupos de Pilates e un de ximnasia de mantemento, xunto as reunións cos veciños, facendo uso do centro 4.548 veciños.

Malia o escaso tempo que leva funcionando este centro, integrouse moi ben na vida do barrio e hoxe en día pode dicirse xa que é unha referencia dentro da Rede de Centros Socioculturais. Unha clara mostra é que para o vindeiro semestre se realizarán 36 actividades.

Compartir: