URBANISMO

O Concello reordena San Francisco e San Clemente na busca dunha convivencia máis harmónica dos peóns co tránsito de vehículos

03/12/2013 A concelleira de Urbanismo, María Pardo, explicou as obras que se van realizar no ámbito de San Francisco e de San Clemente para reordenar estes espazos e permitir unha convivencia máis harmónica do tránsito peonil e de vehículos.

En San Francisco, unha parte importante da reordenación ten que ver coa ampliación do espazo superior da beirarrúa –o oposto ao convento- co fin de que os peóns circulen preferentemente por esta parte, eliminando barreiras físicas como os bancos existentes, que agora se situarán á entrada do estacionamento, facilitando á súa vez que os viandantes crucen a rúa polo paso de peóns existente.

Tamén se prolongará a liña de árbores, sen interferir nas vistas. Eliminarase a varanda do final da Costa Vella e recuperarase a fonte existente. A propósito desta rúa, a edil anunciou a colocación ao final da mesma, no outro extremo, dunha estatua de Concepción Arenal ata agora depositada no Museo do Pobo Galego.

Para reforzar a sinalización xa existente de limitación de velocidade para os vehículos, por ser unha zona de tránsito peonil, colocaranse dous badéns antes do acceso á zona de lousado, en ambos lados.

O investimento nesta obra é de 16.000 euros. A concelleira expresou a súa confianza en que esta ordenación "funcione ben" e non sexa preciso facer outras modificacións.

No caso da costa de San Clemente, María Pardo recoñeceu que non fora axeitada a solución dos bolardos, xa que os coches os seguían derrubando. Por iso, agora optouse por construír unha beirarrúa de dous metros de ancho no lado que vai en paralelo ao estacionamento. Ademais, colocaranse cinco puntos de luz encaixados na parede.

Compartir: