MULLER E IGUALDADE

O alcalde agradece o compromiso dos profesionais do ámbito da intervención contra a violencia de xénero

28/11/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás; xunto co vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; o valedor do Pobo, José Julio Fernández Rodríguez; e a concelleira de Benestar Social, María Castelao, inaugurou o I Congreso Nacional de Intervención e Prevención da Violencia de Xénero, que se celebra os días 28, 29 e 30 de novembro no Hotel Oca Puerta del Camino.

Ángel Currás agradeceu aos participantes no Congreso o seu compromiso "coa causa da igualdade, da liberdade, da vida e da integridade física e psíquica, da seguridade persoal, dos dereitos dos menores e da dignidade". Estendeu o seu recoñecemento ao "traballo discreto, pero diario e crucial" do Centro de Información á Muller (CIM) de Santiago. Neste sentido, lembrou que neste tipo de centros municipais, "as mulleres vítimas de violencia atopan unha oportunidade para abandonar un camiño de servidume e para tomar, por difícil que resulte ao principio, un camiño de liberdade".

En referencia ao fenómeno da violencia de xénero, o alcalde indicou que "non é sinxelo entender en pleno século XXI, este impulso atávico, esta sedimentación do machismo nas conciencias de non poucos homes". Ante isto, expresou a súa confianza en que "a educación e a cultura sexan quen de retirar eses sedimentos, pero ata daquela temos que atenuar o alcance deste terrible fenómeno".

Por iso, dixo, "as mulleres que padecen a violencia de xénero deben saber que non están soas, que non están desamparadas, que hai moitas e diversas profesionais especializadas dispostas a axudalas, dispostas a ofrecerlles canles e recursos". Entre eses recursos apuntou "o Estado de Dereito para garantir a indemnidade das mulleres e o Estado Social para garantir a súa emancipación". Apelando aos profesionais destes ámbitos, o alcalde expresou a súa satisfacción pola utilidade de eventos coma este Congreso para ofrecer unha "orientación liberadora" ás vítimas da violencia de xénero "nun labirinto do que resulta complicado saír".

Este I Congreso Nacional de Intervención e Prevención da Violencia de Xénero é un lugar de intercambio e reflexión sobre os diferentes enfoques de actuación ante a violencia de xénero, para mellorar a formación entre os diferentes profesionais cara unha eficaz prevención. O Congreso ten carácter multidisciplinar e está dirixido especialmente a profesionais que traballan en áreas ás que afectan directamente cuestións relacionadas coa violencia de xénero. 130 persoas participan no encontro.

Neste foro abórdanse as cuestións relacionadas coa violencia de xénero dende distintas áreas profesionais, dando resposta ás necesidades que se demandan dende as diferentes disciplinas. Profesionais de diferentes ámbitos ofrecerán relatorios, complementados con dúas mesas redondas: unha sobre a violencia de xénero no ámbito xudicial galego e outra sobre as boas prácticas policiais para combater esta lacra.

Programa da segunda xornada
O programa do venres 29 comezará ás 9:00 horas co relatorio de María Concepción Torres Díaz, mestra de Dereito Constitucional (UA), avogada e secretaria da Rede Feminista de Dereito Constitucional, sobre "A necesidade de conceptualizar constitucionalmente o dereito a unha vida libre de violencia de xénero: análise dende a crítica constitucional".

A continuación celebrarase unha mesa redonda sobre o labor do Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA) e a valoración das vítimas de violencia de xénero. Concepción Fernández Fernández, secretaria do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia moderará un debate no que participarán Marta Rivas Rodríguez, María de los Ángeles Garrido Nieto e Berta Rodríguez Martínez, psicóloga, traballadora social e médica forense, respectivamente, do IMELGA.

A xornada da mañá concluirá con outra mesa redonda, neste caso sobre boas prácticas policiais para combater a violencia de xénero. A deputada autonómica Paula Prado moderará o encontro, que contará cos seguintes participantes: Judit Fontela Baro, xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno na Coruña; Luis Gil Ramallo, inspector xefe da UPAP na Comisaría Provincial da Coruña (Brigada Provincial de Seguridade Cidadá); e José Carlos Noya Muñiz, inspector xefe do Grupo Operativo SAF na Comisaría Local de Santiago (Brigada Local de Policía Xudicial).

Para a tarde, a partir das 15:30 horas, queda a terceira das mesas redondas, moderada por Marta Capeáns Outeiro, presidenta do Colexio de Traballo Social de Galicia. Encarna Canet Benavent, traballadora social e mestra do Departamento de Traballo Social e Servizos Sociais (UV), e Esperanza García Cuenca, psicóloga e presidenta da Asociación de Terapeutas de Familia da Comunidade Valenciana, falarán sobre "Violencia contra a muller na parella. Avaliación e diagnóstico".

A seguinte cita da tarde será o relatorio "Viva a diferenza? Violencia simbólica en publicidade e moda", a cargo de Patricia Soley-Beltrán, mestra asociada da Universitat Pompeu Fabra. Pechará esta segunda xornada do Congreso Mercedes Oliveira Malvar, doutora en Filosofía e catedrática no IES Alexandre Bóveda de Vigo, quen abordará a "Prevención de violencia de xénero na aula: repensar a masculinidade".

Direccións relacionadas



Compartir: