XUNTA DE GOBERNO

Aprobado o proxecto da glorieta de conexión da rúa Domingo García-Sabell con Galeras

21/11/2013 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, aprobou o proxecto para a modificación de veiros e reforma de accesos ao estacionamento nas rúas Galeras e Domingo García-Sabell. Tamén se adxudicaron as obras na costa de San Clemente e na rúa Raxoi.

Segundo explicou a voceira da Xunta de Goberno e concelleira de Urbanismo, María Pardo, o proxecto ten por obxecto, por unha parte, as obras de urbanización para a execución da rotonda na rúa Galeras e o do vieiro de acceso ao estacionamento público situado na planta soto-1, que se atopa baixo os edificios residenciais. Inclúese tamén a modificación do trazado da rúa Domingo García-Sabell na súa conexión coa rúa Carretas. Deste xeito, a rúa Domingo García-Sabell terá dobre sentido, quedando as rúas Carretas e Hortas para tránsito residencial.

A outra parte do proxecto son as obras de reforma dos accesos e núcleos de comunicación do aparcamento público existente na rúa Galeras, co obxectivo de mellorar a súa accesibilidade. Instalaranse ascensores para acceder ao estacionamento.

O proxecto conta cun orzamento de 766.725 euros, que asumirá na súa integridade a empresa que xestiona o devandito estacionamento, sen ningún custo para o Concello.

Plans urbanísticos
Na sesión tamén se aprobaron os plans parciais do SUD-17 (Monte do Gozo – Aríns) e do SUD-16 (Agra dos Campos – Aríns). Estes plans parciais, formulados por iniciativa particular, desenvolven dous sectores que poderían dar cabida a máis de 2.000 vivendas.

Ademais, deuse o visto bo inicial ao Plan especial de protección e acondicionamento do parque arqueolóxico da Rocha (PE-7R), segundo o documento presentado polo Consorcio de Santiago. Este documento permitirá ordenar o ámbito do Castelo da Rocha en coherencia coa actuación realizada por parte do Concello para a recuperación das ruínas da antiga fortaleza medieval e do seu xacemento arqueolóxico.

Obras na costa de San Clemente e na rúa Raxoi
En materia de obras, adxudicáronse as de construción de beirarrúas e de colocación de farois na Costa de San Clemente e a súa adxudicación, por un importe de 28.651 euros. Esta actuación permitirá construír beirarrúas para separar o tráfico de persoas e o de vehículos, así como mellorar a iluminación deste vieiro.

Tamén se realizarán obras na rúa Raxoi. Neste caso adxudicáronse por un importe de 91.381 euros e posibilitarán reurbanizar este estreito vieiro comprendido entre a praciña do mesmo nome e a rúa de San Clemente.

Ludoteca e comedores
Outro dos asuntos tratados na Xunta de Goberno foi o proxecto de adecuación de zonas exteriores da ludoteca de Fontiñas, necesario para abrir este equipamento. Axardinaranse os espazos exteriores, construirase un camiño de acceso e pecharase a parcela cun valo que impida aos nenos saír da mesma, tal como esixe a normativa. Adxudicáronse as obras por 23.115 euros e un prazo de execución de tres semanas.

Seguindo no eido educativo, resolveuse a convocatoria de bolsas de comedor. A propósito tamén do servizo de comedor, aprobouse o cambio no sistema de pagamento, de tal xeito que agora se aboará a primeiros de mes o importe do mesmo. Descontaranse as faltas do mes inmediatamente anterior.

Pista de xeo
O Goberno local abriu o procedemento para contratar a instalación e explotación dunha pista de patinaxe sobre xeo na Alameda. O canon mínimo a aboar ao Concello será de 1.000 euros. O contrato terá vixencia dende a data da súa sinatura ata o 2 de febreiro, período que poderá ser prorrogado ata o 16 de febreiro previa solicitude do adxudicatario.

Convenios
Finalmente, abordáronse dous convenios máis para o outorgamento de subvencións. Aprobouse o previsto co IES Rosalía de Castro para o financiamento do bacharelato internacional (5.587 euros) e deuse conta do asinado coa Sala Capitol para impulsar a realización de espectáculos musicais (10.000 euros).

Documentos relacionados



Compartir: