CENTROS SOCIOCULTURAIS

O Outono Fotográfico chega un ano máis aos centros socioculturais de Santiago

31/10/2013 A Concellería de Centros Socioculturais colabora un ano máis co Outono Fotográfico en Santiago de Compostela. O festival, promovido pola Fundación Benito Losada, cumpre a súa XXXI edición, con presenza nos locais socioculturais da cidade ata finais deste 2013.

O concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, e o director do certame, Xosé Lois Vázquez, presentaron a parte do programa a desenvolver en Compostela do Outono Fotográfico, o festival galego da fotografía, o decano da Península Ibérica, que este ano chega a súa XXXI edición.

O OF organiza exposicións e programas en espazos expositivos como galerías de arte, espazos de exposicións institucionais, centros de ensino, casas de concellos, de xuventude e de cultura, lugares públicos, cafeterías. Componse de tres seccións: a Sección Oficial, na que o Festival convida a autores/as e curadores/as; o Outono Aberto, onde se seleccionan traballos de amadores/as; e Historias da Fotografía Galega, para a recuperación do traballo de fotógrafos/as galegos xa falecidos/as.

Coa intención de facer visible o traballo dos artistas novos en torno á fotografía, o Concello de Santiago, a través da Rede de Centros Socioculturais, colabora facilitando nesta edición sete salas para a exposición de sete traballos artísticos nos centros socioculturais de Conxo, O Ensanche, Vite, Fontiñas, A Trisca, O Castiñeiriño e a Casa das Asociacións de Cornes.

Ademais, no Local Sociocultural de Pontepedriña realizaranse dúas das accións formativas do Festival en Santiago, dedicadas á iniciación á fotografía dixital, impartidas por Víctor Barro, un dos artistas que exporán na cidade. Estas actividades están a ter moi boa acollida e aínda hai prazas para o obradoiro que se desenvolverá os días 4, 11, 13 e 18 de decembro, en horario de 17:00 a 20:00 horas. A Concellaría de Centros Socioculturais colabora tamén cunha achega económica destinada á organización deste certame.

Sete mostras
Os traballos seleccionados para expor nos centros socioculturais en Santiago este ano amosan a percepcións e reflexións persoais sobre temáticas como as festas, os lugares abandonados, os recordos, o medio natural, as panorámicas de Galicia, a cor vermella ou os espazos domésticos:

- Luisa Lorenzo, de Pousada (Maside) expón De festas no CSC de Vite.
- Iñaki Mantilla, de Vigo, expón Onde habita o esquecemento no CSC de Conxo.
- Martín García, de Vigo, expón Formato panorámico no CSC do Castiñeiriño.
- Mar Catarina, de Vilagarcía de Arousa, expón A Lagoa no CSC da Trisca.
- Víctor Barro, de Suíza, expón Parque Nacional de Ecrins, onde amanece sobre Seracs no CSC das Fontiñas.
- Ana Gil, de Ourense, expón Brumas e temores no CSCXM do Ensanche.
- Colectivo Aula K, da Coruña, expón Vermello na Casa das Asociacións (Cornes).

As exposicións poderán visitarse do 4 ao 30 de novembro, a excepción da de Víctor Barro do CSC das Fontiñas, que estará aberta do 9 ao 30 de decembro.

En Santiago, ademais dos centros socioculturais, hai outros espazos expositivos do Festival, como a Sala Kunsthalle (rúa da Conga, 8), onde estará a mostra A noite, de Vítor Nieves (curador) e Luisa Dörr do 4 de decembro ao 12 de xaneiro. Xa rematadas, estiveron expostas noutras salas da cidade Cover, de Ian Waelder, e The Fraga Family, de Eutropio Rodríguez.

Na edición do Outono Fotográfico deste ano participan 506 autores e autoras nas 126 exposicións, programadas en 99 espazos expositivos en 35 localidades. Organizáronse 38 cursos e obradoiros.

Documentos relacionados



Compartir: