MOBILIDADE

TUSSA únese á conmemoración do Día Mundial contra o Cancro de Mama

18/10/2013 Un ano máis, a Sociedade Municipal de Xestión do Transporte Urbano, S.A (TUSSA) e a Xunta Local da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) colaborarán na realización de actividades divulgativas e informativas con motivo da celebración do Día Mundial contra o Cancro de Mama (19 de outubro). Esta colaboración plasmarase na difusión dos símbolos representativos da loita contra o cancro de mama, tanto nas instalacións da Estación de Autobuses coma nos propios autobuses que realizan o transporte urbano na nosa cidade. Igualmente divulgarase a través dos perfís nas redes sociais.

Os voluntarios da AECC sairán á rúa para informar sobre o cancro de mama con motivo deste Día Mundial, que se celebra este sábado 19 de outubro. En numerosos puntos da provincia da Coruña disporanse mesas nas que se repartirán folletos informativos aos transeúntes, co fin de concienciar á poboación sobre a que é a principal causa de morte por cancro no noso ámbito.

Dende TUSSA e a AECC enténdese que a maior difusión posible deste día concienciará á sociedade da importancia de colaborar na loita contra o cancro de mama dende a prevención, a diagnose precoz, o tratamento e a investigación.

Tamén se conta coa colaboración doutras entidades que se suman ao rosa apoiando a loita contra esta enfermidade en Santiago, coma a Asociación Compostelá de Autotaxis, que colocarán un distintivo da loita contra o cancro de mama nos taxis que percorren a nosa cidade; os supermercados Gadis, Eroski e Familia, nos que os seus empregados lucirán lazos rosas; e o Centro Comercial El Corte Inglés, onde o pasado xoves se instalou unha mesa informativa na que voluntarios distribuíron material informativo e onde se venderon os lentes rosas solidarios, novo símbolo que se une ao lazo e ao pano rosa para a loita contra esta enfermidade, para que "non perdas de vista o cancro de mama".

En España diagnostícanse uns 22.000 casos ao ano, o que representa case o 30% de todos os tumores malignos do sexo feminino. A maioría dos casos danse entre os 35 e os 80 anos, cun máximo entre os 45 e os 65. Segundo os expertos, unha de cada oito mulleres desenvolverá esta patoloxía. No territorio galego, rexístranse uns tres casos diarios, máis de mil anuais.

Compartir: