NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Lanzamento da campaña gañadora do I Concurso de proxectos de publicidade comercial en galego

20/09/2013 Hai tres meses, Isabel Vila e FainoTí gañaban o I Concurso de proxectos de publicidade comercial en galego convocado pola Concellaría de Normalización Lingüística. Dende aquel momento estiveron a pulir a proposta que presentaron a concurso, para lanzala nunha festa que celebraron en O Boneco Bar (avenida de Raxoi, 19, Baixo) a partires das 20:30 horas. O evento contou coa actuación de Aldaolado, poesía, música e historias. Sorteáronse cinco lotes básicos de labores e houbo un fotocol.

O lema da campaña é "Tiradofío", unha chamada á creatividade, e ten como elemento principal unha postal perforada que estará a disposición dos usuarios en distintos establecementos. Esta tarxeta pódese transformar usando las, fíos, fitas ou botóns, e trócase en FainoTí (San Pedro, 89) por unha bolsa serigrafada artesanalmente a dúas tintas.

Trátase duna campaña que busca a interacción física da xente coa tarxeta, espertar a creatividade de todo o mundo, e establecer unha ligazón coa cidade a través da colaboración de diversos establecementos comerciais, que albergarán as postais. E seguindo a filosofía do "faino ti mesmo", moitas das pezas están realizadas a man por creativos de diversos eidos.

Natalia Horyaans é FainoTí, unha tenda do barrio de San Pedro, onde, ademais de vender las, fíos e teas para labores, imparte obradoiros para quen queira aprender ou perfeccionar unha técnica. Natalia empezou con 7 anos a tecer e converteuse na súa paixón, levándoa a buscar diferentes técnicas e materiais dende ese momento.

A creativa detrás desta campaña é a deseñadora gráfica Isabel Vila, que vén exercendo a súa profesión de xeito independente dende hai dous anos, logo de traballar en eidos tan dispares coma o e-learning e a comunicación corporativa. Algúns dos seus traballos poden verse en www.isabelvila.com.

Compartir: