XUVENTUDE E NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Máis de 150 estudantes estranxeiros universitarios xa se inscribiron no programa "Busco parella...lingüística"

18/09/2013 A concelleira de Xuventude e Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez, lembrou que segue aberta a inscrición no Programa de Intercambio Lingüístico Busco parella...lingüística, posto en marca polo Concello en colaboración coa USC. Precisamente, grazas á información ofrecida na xornada de benvida aos alumnos estranxeiros que se incorporan á USC, xa son máis de 150 os estudantes anotados no programa.

O obxectivo deste programa é que os mozos e mozas de Compostela que teñan interese en perfeccionar as súas competencias lingüísticas poidan facelo dun xeito práctico a través da conversa con outras persoas con similares intereses. Así, os estudantes estranxeiros da USC poderán anotarse para practicar español ou galego con residentes en Santiago que desexen, así mesmo, practicar a lingua de orixe dos alumnos estranxeiros. Estes estudantes foráneos xa ofrecen aos composteláns a posibilidade de practicar linguas como o chinés, o italiano, o alemán, o francés ou o inglés.

A actividade consiste en facilitar un punto de encontro para que dúas persoas establezan contacto para practicar o uso dunha lingua. Entre os fins desta iniciativa están a mellora das destrezas lingüísticas, o intercambio de experiencias, o coñecemento de persoas con intereses comúns e o compartimento de afeccións con persoas que falan outras linguas. O programa está destinado a mozos e mozas de 18 a 35 anos.

Para participar nesta actividade é necesario cubrir unha ficha cos datos persoais, co obxectivo de poder poñer en contacto a diferentes usuarios que teñan intereses comúns, especialmente polo intercambio lingüístico. Unha vez cuberta, a ficha debe depositarse no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche, lugar no que tamén terá lugar o primeiro encontro.

Clases de conversa en galego
Por outra parte, a concelleira tamén informou sobre o programa aberto de clases de conversa en galego, que comezará o 1 de outubro. O obxectivo desta proposta é ofrecer un espazo no que adquirir e practicar o galego falado.

A iniciativa está dirixida a persoas que proceden doutras comunidades lingüísticas e que desexan comezar a falar na nosa lingua e tamén a todos aqueles que, malia teren coñecementos previos de galego (mesmo unha alta competencia escrita ou oral), precisan de espazos nos que poñer en práctica as súas destrezas para se sentiren seguros na conversa ou mesmo para superar as barreiras e animárense a utilizar o galego oral.

As clases terán lugar os martes e xoves, con dúas sesións cada día ás 8:30 e ás 13:30 horas, na aula de formación do Concello. Cabe a posibilidade de asistir ao número de sesións semanais que se prefiran e tamén de manter a asistencia durante o tempo que se desexe.

O obxectivo desta formación non vai ser obter un título ou superar unhas probas, senón adquirir uns coñecementos e, sobre todo, ter ocasión para practicar unhas habilidades que para moitas persoas resultan complicadas tendo en conta a situación sociolingüística do galego. Evidentemente, os coñecementos que se adquiran poderán ser asemade útiles para alcanzar as esixencias das certificacións oficiais.

As clases estarán guiadas por un lingüista, mais centraranse na conversa e na práctica oral dos participantes. Cando así se requira, facilitaranse explicacións ou documentación máis teórica.

Para anotarse a este programa cómpre unicamente enviar un correo electrónico ao Departamento de Lingua Galega (dlg@santiagodecompostela.gal), se é posible coa folla de inscrición cuberta, ou tamén entregala nun dos rexistros municipais.

Programación de Xuventude
As clases de conversa de idiomas, neste caso en inglés, tamén estarán presentes na programación de actividades do Departamento de Xuventude, que en breve presentará Rebeca Domínguez. Adiantou que non faltarán os obradoiros creativos ou de cociña, e que se repetirán outros con grande éxito na campaña pasada, como os de fotografía ou redes sociais. A concelleira aconsellou os interesados a estar atentos nos vindeiros días á apertura das diferentes convocatorias.

Documentos relacionados



Compartir: