SANIDADE

O Refuxio de Bando cobrará pola esterilización dos animais adoptados

19/07/2013 A concelleira de Medio Ambiente, María Pardo, xunto coa directora do Refuxio de Animais, Paloma Aguirre, deu conta da última reunión do Padroado da Fundación do Refuxio de Bando. Entre os asuntos aprobados destaca a decisión de cobrar polo servizo de esterilización dos animais adoptados.

Tanto a concelleira como a directora do Refuxio falaron da necesidade de adoptar esta decisión de cobrar as esterilizacións dos animais adoptados, que ata agora ían incluídas no prezo da adopción (que comprende tamén vacinación e microchip), cunha importante repercusión económica. En calquera caso, resaltou Paloma Aguirre que os prezos estarán "moi lonxe do que pode cobrar calquera clínica".

Así, no novo contrato de adopción dos animais indicarase que serán os cidadáns acolledores os que deben asumir a esterilización do mesmo, que poden realizar no propio Refuxio ou onde consideren oportuno. Non obstante, de facelo no Refuxio, o seu custo será menor ao de calquera clínica, reiterou a súa directora.

O custo das esterilizacións será: cans, 60 euros; cadelas de menos de 20 quilos, 100 euros; cadelas de máis de 20 quilos, 150 euros; gatos, 40 euros; e gatas, 50 euros.

Revisión de taxas
Outro dos asuntos abordados foi a actualización das taxas polos servizos que preta o Refuxio, que segundo a concelleira levan dous anos sen revisarse. En calquera caso, indicou que se trata de pequenos redondeos.

Finalmente, na reunión acordouse –en consenso cos afectados- unha redución salarial do 3,5% a aplicar dende xa aos traballadores do Refuxio. Nesta instalación traballan a directora, unha auxiliar administrativa e cinco coidadores.

Cómpre lembrar tamén o importante labor que realizan de xeito altruísta os voluntarios, cuxas normas de funcionamento tamén se trataron na reunión do Padroado. Na actualidade, o Refuxio conta con 8 voluntarios responsables e 21 en total.

Finalmente, María Pardo quixo reiterar que "o Concello cree no Refuxio e no seu xeito de traballar". Neste sentido, felicitouse por datos como o do incremento das saídas, que no que vai de ano medraron un 41% respecto ao mesmo período do ano anterior.

Compartir: