Domingo 12 de octubre 2014

Axenda

Exposición Canina Internacional

A Sociedade Canina Galega celebrará as súas 71ª Exposición Nacional Canina C.A.C, 72ª Exposición Nacional Canina C.A.C. & 30 Exposición Internacional Canina C.A.C.I.B no Recinto Feiral de Amio. O Concello de Santiago patrocina este evento, que contará con cans de máis de 150 razas diferentes.

Os días 11 e 12 de outubro, no Recinto Feiral de Amio.

Axenda

Exposición "O Asorey descoñecido" no Pazo de Fonseca

A colaboración estable entre a Asociación Cultural Francisco Asorey e o Concello de Santiago de Compostela, conxuntamente coa Vicerreitoría de Extensión Cultural da Universidade de Santiago, fai posible a exposición O Asorey descoñecido. Esta proposta pretende homenaxear ao escultor galego Francisco Asorey, que foi un dos grandes artistas do século XX nun terreo onde non só destacou coa súa perfección técnica, senón tamén pola innovación en técnicas de policromía da madeira que nunca antes se utilizaran.

125 anos despois do seu nacemento, a crítica considera este artista como o máis grande escultor galego dende o Mestre Mateo e un dos escultores máis importantes do século XX en España. Con tal motivo preparouse esta exposición, que conta con vinte obras que percorren todas as épocas creativas, dende os 14 anos ata o ano do seu pasamento. Tamén se amosa unha boa compilación dos materiais que el utilizou: xeso, madeira, pedra, bronce…

Obras emblemáticas como o San Cristóbal, Cabaleiros Negros, Lo jondo ou o Busto da señora Hall integran este proxecto expositivo, xunto con outras que por primeira vez que se expoñen ao público. Tamén se incorporan fotografías de gran formato para deixar constancia do importante número de monumentos que Asorey realizou en moitas cidades e vilas galegas, así como noutros países de Sudamérica, ademais daquelas que xa se expuxeran hai tres anos e que pola súa importancia tiñan que formar parte desta mostra. Por outra parte, esta é unha nova ocasión para gozar coa exposición de fotografías de época de Ksado e materiais do artista como gubias, pinceis, libros de arte…

A exposición complétase cun vídeo explicativo da técnica creativa da policromía -utilizada por vez primeira por Asorey-, dous monitores táctiles dotados de software que axudan a comprender o traballo realizado polo artista e unha aplicación para dispositivos Android. O catálogo estará dispoñible en formato dixital en castelán, galego e inglés a través de códigos QR.

Do 1 ao 31 de outubro no Pazo de Fonseca.

Axenda

Exposición "As fotos máis antigas de Galicia" no CSC das Fontiñas

A mostra As fotos máis antigas de Galicia, producida pola editorial Alvarellos, inicia o seu percorrido por varios centros socioculturais. Exhíbense 19 imaxes de Santiago de Compostela e unha de Ferrol datadas en 1858, obras do artista compostelán Andrés Cisneros, pioneiro da fotografía española. Parte destas imaxes integrarían un álbum de agasallo á raíña Isabel II, que en setembro de aquel ano visitou Galicia.

Do 7 ao 21 de outubro, no Centro Sociocultural das Fontiñas, no horario habitual do centro, de martes a sábado, de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas.

Axenda

Exposición antolóxica de Miguelanxo Prado no Museo das Peregrinacións

O Consorcio de Santiago e El Patito Editorial organizan a exposición Mar interior. Miguelanxo Prado, unha mostra antolóxica do debuxante galego, a primeira que se realiza en Galicia.

A exposición reúne 59 obras orixinais de toda a carreira de Miguelanxo Prado. Divídese en dúas partes. A sala grande do museo está dedicada ao mar, unha constante na traxectoria do artista e nela poden verse obras de De Profundis, Ardalén, Trazo de Tiza, xunto con distintas ilustracións que teñen en común esta temática. Nesta mesma sala móstranse ilustracións da cidade de Santiago de Compostela, pola que Prado sente unha especial debilidade. Ademais, en tres vitrinas recóllese unha selección das súas obras en distintas linguas, xa que é un dos autores galegos máis traducidos, ata a 17 idiomas.

Noutra sala pódese ver un compendio dos seus primeiros traballos no mundo do cómic e ilustracións que ten realizado para outros escritores galegos e de fóra. Neste espazo tamén se lle rende unha pequena homenaxe ao Xabarín, que Miguelanxo Pradou creou nos noventa. E proxéctase Os Vixilantes do Camiño, a serie de animación en 2D que produciu para a Televisión de Galicia en 1999, inspirada no Camiño de Santiago e que protagonizan os personaxes do Xabarín Club.

Ata o 31 de decembro, no Museo das Peregrinacións e de Santiago.

Axenda

"Maside en Compostela. O testamento pictórico do mestre"

Exponse na Fundación Novacaixagalicia Maside en Compostela. O testamento pictórico do mestre, un proxecto no que colaboran o Concello de Santiago, a familia de Carlos Maside e a devandita Fundación. A través de 31 obras de diversas temáticas, e realizadas con diferentes técnicas que van dende o óleo ata a acuarela, pasando pola tinta china sobre pergameo, o proxecto expositivo presenta un percorrido pola obra e vida deste artista de traxectoria singular que se converteu no principal referente ideolóxico da xeración dos renovadores.

Ata o 31 agosto de 2015, en horario de luns a domingo de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas, no Centro Cultural da Fundación Novacaixagalicia.

Axenda

Zoar Ensemble e Nicasio Gradaille

A música do compositor húngaro Gyorgy Ligeti, de aparente complexidade, baséase en piares moi sinxelos e familiares tanto para amantes da música como para descoñecedores. Algo tan primitivo como o ritmo, a repetición, a música popular ou unhas matemáticas moi sinxelas aparecen na súa música. Ademais coñeceremos como Ligeti descubriu e xogou coa música electrónica para crear paisaxes case extraterrestres! Con todos estes conceptos xogaremos neste concerto en familia no que seguro o pasarás ben. Dentro das Xornadas de Música Contemporánea.

O domingo 12 de outubro, ás 12:30 horas, na Cidade da Cultura.

Máis información: Compostela Capital Cultural

Axenda

"Kathie y el Hipopótamo", con Ana Belén, no Teatro Principal

Ana Belén é Kathie Kenety, unha muller da alta sociedade de Lima que contrata o profesor universitario Santiago Zavala para que escriba un libro sobre as súas viaxes por Asia e África. O Premio Nobel peruano Mario Vargas Llosa reflexiona sobre como e porqué nacen os relatos e o xeito en que o cerebro humano se vale da imaxinación para crear ou completar historias que nunca aconteceron na vida real.

O domingo 12 de outubro, ás 20:00 horas, no Teatro Principal.

Máis información: Compostela Capital Cultural

Axenda

Pablo Seoane Trem

Espectáculo musical onde corda e madeira –un violín, un piano e un contrabaixo– exploran, ao fío da vida ou as vidas desta figura proverbialmente anómala, os seus timbres máis desusados nunha trama de improvisacións baseada en nove composicións orixinais de Pablo Seoane. Nunha excursión polas imaxes e os ecos dun viaxeiro entre o son e o sentido, entre o humano e a marca incerta do seu límite, Francesco d'Assisi inspira o primeiro traballo e presentación do novo proxecto do pianista, compositor e músico de jazz ferrolán Pablo Seoane. Dentro das Xornadas de Música Contemporánea.

O domingo 12 de outubro, ás 20:00 horas, no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).

Máis información: Compostela Capital Cultural

Axenda

"A tempestade", de Shakespeare

A tempestade é a guinda máis extravagante para a carreira dun xenio na súa senectude. A derradeira obra de Shakespeare é tamén a declaración de intencións dun autor inquedo que prefire enterrarse nas areas brancas dunha praia de fantasía que nunha realidade que xa soubera definir coma ninguén. A tempestade de Voadora bebe de todas as fontes posibles, o único teito é o ceo e a única prohibición é o aburrimento.

No Salón Teatro:
Xoves 2 outubro, 20:30 h
Venres 3 outubro, 20:30 h
Sábado 4 outubro, 20:30 h
Domingo 5 outubro, 18:00 h
Xoves 9 outubro, 20:30 h
Venres 10 outubro, 20:30 h
Sábado 11 outubro, 20:30 h
Domingo 12 outubro, 18:00 h
Xoves 16 outubro, 20:30 h
Venres 17 outubro, 20:30 h

Máis información: Compostela Capital Cultural

Compartir: