Jueves 27 de agosto 2015

Axenda

Exposición "Ramón Sánchez Estalote: memoria dun tempo"

Baixo o título Ramón Sánchez Estalote: memoria dun tempo, o Consorcio de Santiago promove unha exposición de imaxes deste fotógrafo compostelán. Ambas mostras reúnen no seu conxunto máis dun centenar de fotografías de Ramón Sánchez Estalote (1908-2002), coñecido na cidade como "Moncho". Tanto na Casa do Cabido como no Museo do Pobo Galego pódese contemplar unha selección de imaxes vencelladas á peregrinación, a Catedral, o Mercado de Abastos e distintas estampas de Compostela; así como fotografías relacionadas cos oficios da época, como as leiteiras que viñan dos pobos próximos ou os feirantes.

A exposición do Museo do Pobo Galego poderá visitarse ata o mes de setembro, de martes a sábado de 10:30 a 14:00 e de 16:00 a 19:30 horas; os domingos e festivos de 11:00 a 14:00 horas. Os luns o museo permanece pechado.

Pola súa parte, a mostra da Casa do Cabido estará aberta ata novembro, de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas (de 16:00 a 20:00 horas en inverno); e os domingos de 11:00 a 14:00 horas. Os luns, a Casa do Cabido está pechada ao público.

Axenda

Mostra "José Guitián, fotógrafo en Compostela 1950-1980"

Guitián é un dos composteláns que máis e mellor sentiu a vida compostelá. Viuna pasar cada día ante o obxectivo da súa cámara durante máis de catro décadas, dende finais dos anos corenta ata a súa xubilación en 1989. Formado con fotógrafos locais do talle de Ksado e Almeida, a principios dos anos cincuenta comeza a traballar de xeito autónomo montando o estudo Foto Guitián, que lograría gran fama. Especializado no retrato e a fotografía científica, dedica tamén tempo a deixar en imaxes a propia cidade -aí está a súa famosa serie de nocturnos-, as súas xentes e os seus costumes. Pola súa cámara pasa, polo tanto, a evolución urbana e humana compostelá da segunda metade do século XX.

Ata o 30 de agosto, no Museo das Peregrinacións e de Santiago

Axenda

"Maside en Compostela. O testamento pictórico do mestre"

Maside en Compostela. O testamento pictórico do mestre, é un proxecto expositivo no que colabora o Concello de Santiago, a familia de Carlos Maside e o Centro Cultural Afundación. A través de 31 obras de diversas temáticas, e realizadas con diferentes técnicas que van dende o óleo ata a acuarela, pasando pola tinta china sobre pergameo, o a exposición presenta un percorrido pola obra e vida deste artista de traxectoria singular que se converteu no principal referente ideolóxico da xeración dos renovadores

Ata o 29 de agosto, no Centro Cultural Afundación.

Axenda

Verán na Rúa

A Concellaría de Cultura presenta unha programación que encherá de música, teatro e circo dous espazos habituais para os composteláns, e emblemáticos para todos os que nos visitan, como son as prazas de San Martiño Pinario e da Quintana. Unha variada oferta dirixida a todo o público que só se terá que preocupar de coller un bo sitio para ver os diferentes espectáculos de circo, acrobacias aéreas, malabares, títeres, maxia, teatro de rúa, contacontos ou música, entre outros, xa que todas as actividades son de balde.

Os días 4, 5, 6, 11, 12, 13, 18, 19, 20, 25, 26 e 27 de agosto, nas prazas de San Martiño Pinario (os mércores) e da Quintana (os martes e xoves).

Compartir: