Sábado 23 de mayo 2015

Axenda

"Leopoldo Nóvoa. Papeis e cartóns", exposición no Auditorio de Galicia

Leopoldo Nóvoa. Papeis e cartóns é unha exposición dedicada á obra deste artista falecido hai tres anos en París e un dos representantes máis destacados da arte máis actual en Galicia. Achéganos a unha parte da extensa produción dun creador que traballou e investigou en soportes e técnicas diferentes que constitúen o seu mundo creativo e expresivo.

Ata o 14 de xuño, no Auditorio de Galicia. Entrada libre.

Máis información: Compostela Capital Cultural

Axenda

"Granell e a palabra" e "Colección surrealista de Granell"

Dúas novas exposicións sobre o universo de Eunenio Granell: Granell e a palabra e Colección surrealista de Granell. Con estas dúas mostras, comisariadas por Natalia Fernández Segarra, directora do Museo Fundación Granell, continúa a actividade expositiva que conmemora a celebración do seu 20 aniversario (1995-2015).

Ata o 21 de xuño, na Fundación Eugenio Granell.

Axenda

Exposición "40 anos de acción humanitaria independente"

A Concellería de Cultura, co ánimo de apoiar e divulgar o traballo da organización médico-humanitaria de ámbito internacional Médicos sen Fronteiras, programa en tres centros socioculturais, durante os meses de abril, maio e xuño, a exposición fotográfica 40 anos de acción humanitaria independente.

Esta mostra achega aos visitantes unha escolma de 30 fotografías que reflicten o traballo que esta organización vén realizando en poboacións que se atopan en situacións precarias ou son vítimas de catástrofes de orixe natural ou humana e de conflitos armados ao longo de 40 anos. Algunhas das imaxes poñen de manifesto realidades coma a vivida tras o tsunami de 2004 no sureste asiático, a crise nutricional en Níxer, a febre de Marburg en Angola, a expulsión de inmigrantes en Marrocos, o conflito armado en Colombia en 1985, a primeira Intifada en 1998, a guerra en Bosnia ou a fame en Etiopía.

A exposición recolle fotografías de Sebastiao Salgado, Juan Carlos Tomasi, Bruno Stevens, Olivier Jobard, Roger Job, Eric Bouvet e Jonh Stanmeyer, ademais de axencias como Gamma, Magnum, Crosnos, Moment, Sipa Press e VII.

De xeito paralelo, nos centros soocioculturais realizaranse diversas actividades complementarias, coma o ciclo de cine humanitario MSC Miradas sen fronteiras que contará coa proxección das obras From action to words, Invisibles, Acces to the danger zone e Fire in the blood. Tamén se realizará un contacontos e un debate sobre o cómic El fotógrafo.

- A mostra poderá visitarse entre o 8 e o 27 de abril no CSC do Ensanche, do 30 de abril ao 20 de maio no CSC de Vite e do 22 de maio ao 9 de xuño no CSC das Fontiñas.

- No ciclo de cine, proxección das obras From action to words e Invisibles o 8 de abril, ás 11:00 e 11:30 horas, respectivamente, no CSC do Ensanche. O sábado 25 de abril, proxección de Acces to the danger zone, ás 17:30, e Fire in the blood ás 19:00 horas.

- Contacontos para nenos e nenas o 17 abril no CSC do Ensanche, o 8 de maio no CSC de Vite e o 29 de maio no CSC das Fontiñas.

- Debate sobre o cómic El fotógrafo, o 26 de maio, as 20:00 horas, no CSC das Fontiñas.

Axenda

"Compostela interpreta aos pioneiros da fotografía", exposición no Centro Sociocultural de Conxo

Exposición fotográfica Compostela interpreta aos pioneiros da fotografía, organizada pola Asociación Cultural Fotoforum de Compostela. Esta mostra, que xa fora inaugurada no ano 2014 na Casa do Cabido de Santiago, está conformada por 51 fotografías datadas entre 1839 e 1930, nas que 39 fotógrafos da Asociación fan unha reprodución actualizada da fotografía clásica.

Na exposición contemplarase o traballo de grandes mestres coma André Kertész, Edward Weston, Man Ray, Alfred Eisenstaedt, Ruth Matilda Anderson, Ksado, Imogren Cunnigham ou Jacques Heri Lartigue, entre outros.

A mostra intenta compartir co público este traballo de creación interna que cada fotógrafo experimentou ao longo do proceso, polo que cada unha das pezas vai acompañada dunha cartela explicativa na que se reproduce a menor tamaño a imaxe orixinal que se tomou como modelo, xunto cos datos do seu autor, datas e referencia biográfica, alén dos datos do autor da peza actual.

Do 23 de maio ao 5 de xuño, no Centro Sociocultural de Conxo.

Axenda

"Artistas na rúa", mostra fotográfica na Casa das Asociacións de Cornes

Artistas na rúa, proxecto expositivo producido por alumnos e alumnas de 3º grao en Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela, pretende dar voz e notoriedade aos artistas das rúas de Santiago de Compostela, que cada día nos amenizan dende o seu anonimato coa súa arte. A mostra céntrase nunha serie fotográfica que nos presenta o día a día destes artistas e está ligada a un traballo académico da materia de Museoloxía e Museografía, impartida polo profesor Miguel Anxo Rodríguez González, quen supervisou o traballo.

A exposición reúne oito artistas rueiros de Santiago de Compostela mediante un traballo fotográfico realizado polos propios alumnos e no que se pode discernir a actividade artística de cada un deles. Son artistas que exercen dende o anonimato, polo que se lles quere outorgar o protagonismo que merecen poñendo nome a caras que vemos de cotío.

Do 8 ao 29 de maio na Casa das Asociacións de Cornes, de martes a xoves en horario de 16:30 a 18:30 e os venres de 16:30 a 20:30 horas.

Axenda

Arch Enemy

A banda sueca Arch Enemy chega Santiago de Compostela para presentar o seu novo disco, War Eternal, gravado en Suecia en 2014 e que se colocou nos primeiros postos nas listas de media Europa batendo as súas marcas: en Alemaña 9º, Finlandia 5º, Austria 13º e Suíza 16º.

O sábado 23 de maio, ás 20:00 horas, na Sala Capitol.

Máis información: Compostela Capital Cultural

Axenda

"No hay trabajo para un payaso viejo", estrea absoluta de Cámara Negra Teatro

No hay trabajo para un payaso viejo enfróntanos ao fracaso, á humillación, á fame, á necesidade de sobrevivir, ao lugar que ocupan na nosa sociedade os inutís, os que xa non serven para nada, os que ninguén quere, os desfeitos sociais... Todo isto aflora nesta traxicomedia negra e descarnada do autor rumano Matei Visniec, que nos serve de espello da nosa sociedade, e na que tres paiasos terán que pelexar por un posto de traballo, máis alá da amizade, a dignidade e a moral.

O venres 22 e o sábado 23 de maio, ás 20:30 horas, no Teatro Principal.

Máis información: Compostela Capital Cultural

Axenda

Gil do Carmo en Sons'15

Conxugando a tradición de Lisboa e do fado con abordaxes menos convencionais como jazz, Gil do Carmo crea un sentido estético singular e persoal. Como resultado de anos de maduración, o novo proxecto de Gil do Carmo, A Uma Voz, traduce a espontaneidade e a autenticidade do rexistro acústico da guitarra portuguesa, do acordeón e da voz, nunha sonoridade única.

O sábado 23 de maio, ás 21:00 horas, no Auditorio Abanca.

Máis información: Compostela Capital Cultural

Compartir: