Viernes 26 de septiembre 2014

Axenda

Teatro O Xeito representa "Comedia bífida" no CSC de Conxo

O CSC de Conxo acolle a representación de Comedia bífida, unha adaptación da obra do escritor Xosé Manuel Núñez Singala que pon en escena o grupo de Teatro O Xeito. Entrada gratuita.

O sábado 27 de setembro, ás 20:00 horas, no Centro Sociocultural de Conxo.

Axenda

"Santiago cidade ilustrada", exposición na Casa do Cabido

O Consorcio de Santiago e El Patito Editorial organizan a exposición Santiago Cidade Ilustrada na Casa do Cabido. A mostra reflicte, a través de máis de 60 debuxos e ilustracións, o protagonismo que a cidade compostelá foi adquirindo na literatura infantil e xuvenil, nos cadernos de viaxe e nos cómics nos últimos anos. Son obras de autores nacionais e internacionais, cunha sección dedicada aos debuxantes norteamericamos que nas súas historietas incorporaron imaxes de Santiago.

Ata o mes de outubro, na Casa do Cabido.

Axenda

Intervención escultórica de Ramón Conde nas prazas do Obradoiro e de Praterías

O escultor Ramón Conde (Ourense, 1951) presenta nas prazas do Obradoiro e das Pratarías, mediante a linguaxe artística, unha intervención que se vertebra ao redor do concepto de poder.

Ata o 28 de setembro, na praza do Obradoiro e na praza de Praterías.

Axenda

"Picheleiros"

O Consorcio de Santiago promove a exposición Picheleiros, que recolle algúns dos oficios e profesións con maior protagonismo na cidade dende a Idade Media ata a actualidade. De 30 edificios do casco histórico penduran unhas bandeirolas que indican o lugar onde viviron ou traballaron estes persoeiros. Sitúanse en rúas e prazas como as do Toural, Bautizados, Raíña, Praterías, A Quintana ou Vía Sacra, entre outras.

A mostra reúne oficios tan singulares como os coidadores de canos, que se encargaban de reparar e manter en bo estado os canos que conducían a auga. Tamén están representados os carniceiros, cambeadores de moedas, pregoeiros das ordenanzas municipais, coengos, notarios, pedreiros, acibecheiros, cereiros, doutores, fogueteiros, vendedores de liño, xornalistas, gravadores, arquiveiros, hostieiros, gaiteiros, leiteiras e, por suposto, os picheleiros.

Ata o mes de outubro, no casco histórico compostelán.

Axenda

Exposición antolóxica de Miguelanxo Prado no Museo das Peregrinacións

O Consorcio de Santiago e El Patito Editorial organizan a exposición Mar interior. Miguelanxo Prado, unha mostra antolóxica do debuxante galego, a primeira que se realiza en Galicia.

A exposición reúne 59 obras orixinais de toda a carreira de Miguelanxo Prado. Divídese en dúas partes. A sala grande do museo está dedicada ao mar, unha constante na traxectoria do artista e nela poden verse obras de De Profundis, Ardalén, Trazo de Tiza, xunto con distintas ilustracións que teñen en común esta temática. Nesta mesma sala móstranse ilustracións da cidade de Santiago de Compostela, pola que Prado sente unha especial debilidade. Ademais, en tres vitrinas recóllese unha selección das súas obras en distintas linguas, xa que é un dos autores galegos máis traducidos, ata a 17 idiomas.

Noutra sala pódese ver un compendio dos seus primeiros traballos no mundo do cómic e ilustracións que ten realizado para outros escritores galegos e de fóra. Neste espazo tamén se lle rende unha pequena homenaxe ao Xabarín, que Miguelanxo Pradou creou nos noventa. E proxéctase Os Vixilantes do Camiño, a serie de animación en 2D que produciu para a Televisión de Galicia en 1999, inspirada no Camiño de Santiago e que protagonizan os personaxes do Xabarín Club.

Ata o 31 de decembro, no Museo das Peregrinacións e de Santiago.

Axenda

"Maside en Compostela. O testamento pictórico do mestre"

Exponse na Fundación Novacaixagalicia Maside en Compostela. O testamento pictórico do mestre, un proxecto no que colaboran o Concello de Santiago, a familia de Carlos Maside e a devandita Fundación. A través de 31 obras de diversas temáticas, e realizadas con diferentes técnicas que van dende o óleo ata a acuarela, pasando pola tinta china sobre pergameo, o proxecto expositivo presenta un percorrido pola obra e vida deste artista de traxectoria singular que se converteu no principal referente ideolóxico da xeración dos renovadores.

Ata o 31 agosto de 2015, en horario de luns a domingo de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas, no Centro Cultural da Fundación Novacaixagalicia.

Axenda

"Despois do tranvía", teatro de autor na Zona C

Tennessee Willians formúlanos conflitos universais e actuais. Un tranvía chamado desexo converteuse nun clásico do teatro e segue a ser unha peza contemporánea. Como creadores contemporáneos, Carlos Neira e Paula Ballesteros propoñen extraer a Blanche DuBois do seu contexto temporal dándolle unha temporalidade natural, envellecendo, triunfando e fracasando, someténdoa a unha transformación e agonía a través do tempo.

Mércores 24, xoves 25, venres 26 e sábdo 27, ás 20:30 horas, e o domingo 28, ás 19:30 horas, na Zona C de Bonaval.

Máis información: Compostela Capital Cultural

Axenda

Goyo Jiménez

Goyo Jiménez estrea o seu novo espectáculo, inédito en televisión, e titulado Evoluzión. O considerado por público e crítica como mellor monologuista cómico do país, deleitará ao público co seu sorprendente e mordaz visión da evolución humana até día de hoxe.

O xoves 25 de setembro, ás 21:00 horas, e o venres 26, ás 20:00 horas, no Teatro Principal.

Máis información: Compostela Capital Cultural

Compartir: