Viernes 29 de mayo 2015

Axenda

"Leopoldo Nóvoa. Papeis e cartóns", exposición no Auditorio de Galicia

Leopoldo Nóvoa. Papeis e cartóns é unha exposición dedicada á obra deste artista falecido hai tres anos en París e un dos representantes máis destacados da arte máis actual en Galicia. Achéganos a unha parte da extensa produción dun creador que traballou e investigou en soportes e técnicas diferentes que constitúen o seu mundo creativo e expresivo.

Ata o 14 de xuño, no Auditorio de Galicia. Entrada libre.

Máis información: Compostela Capital Cultural

Axenda

"Granell e a palabra" e "Colección surrealista de Granell"

Dúas novas exposicións sobre o universo de Eunenio Granell: Granell e a palabra e Colección surrealista de Granell. Con estas dúas mostras, comisariadas por Natalia Fernández Segarra, directora do Museo Fundación Granell, continúa a actividade expositiva que conmemora a celebración do seu 20 aniversario (1995-2015).

Ata o 21 de xuño, na Fundación Eugenio Granell.

Axenda

Exposición "40 anos de acción humanitaria independente"

A Concellería de Cultura, co ánimo de apoiar e divulgar o traballo da organización médico-humanitaria de ámbito internacional Médicos sen Fronteiras, programa en tres centros socioculturais, durante os meses de abril, maio e xuño, a exposición fotográfica 40 anos de acción humanitaria independente.

Esta mostra achega aos visitantes unha escolma de 30 fotografías que reflicten o traballo que esta organización vén realizando en poboacións que se atopan en situacións precarias ou son vítimas de catástrofes de orixe natural ou humana e de conflitos armados ao longo de 40 anos. Algunhas das imaxes poñen de manifesto realidades coma a vivida tras o tsunami de 2004 no sureste asiático, a crise nutricional en Níxer, a febre de Marburg en Angola, a expulsión de inmigrantes en Marrocos, o conflito armado en Colombia en 1985, a primeira Intifada en 1998, a guerra en Bosnia ou a fame en Etiopía.

A exposición recolle fotografías de Sebastiao Salgado, Juan Carlos Tomasi, Bruno Stevens, Olivier Jobard, Roger Job, Eric Bouvet e Jonh Stanmeyer, ademais de axencias como Gamma, Magnum, Crosnos, Moment, Sipa Press e VII.

De xeito paralelo, nos centros soocioculturais realizaranse diversas actividades complementarias, coma o ciclo de cine humanitario MSC Miradas sen fronteiras que contará coa proxección das obras From action to words, Invisibles, Acces to the danger zone e Fire in the blood. Tamén se realizará un contacontos e un debate sobre o cómic El fotógrafo.

- A mostra poderá visitarse entre o 8 e o 27 de abril no CSC do Ensanche, do 30 de abril ao 20 de maio no CSC de Vite e do 22 de maio ao 9 de xuño no CSC das Fontiñas.

- No ciclo de cine, proxección das obras From action to words e Invisibles o 8 de abril, ás 11:00 e 11:30 horas, respectivamente, no CSC do Ensanche. O sábado 25 de abril, proxección de Acces to the danger zone, ás 17:30, e Fire in the blood ás 19:00 horas.

- Contacontos para nenos e nenas o 17 abril no CSC do Ensanche, o 8 de maio no CSC de Vite e o 29 de maio no CSC das Fontiñas.

- Debate sobre o cómic El fotógrafo, o 26 de maio, as 20:00 horas, no CSC das Fontiñas.

Axenda

"Compostela interpreta aos pioneiros da fotografía", exposición no Centro Sociocultural de Conxo

Exposición fotográfica Compostela interpreta aos pioneiros da fotografía, organizada pola Asociación Cultural Fotoforum de Compostela. Esta mostra, que xa fora inaugurada no ano 2014 na Casa do Cabido de Santiago, está conformada por 51 fotografías datadas entre 1839 e 1930, nas que 39 fotógrafos da Asociación fan unha reprodución actualizada da fotografía clásica.

Na exposición contemplarase o traballo de grandes mestres coma André Kertész, Edward Weston, Man Ray, Alfred Eisenstaedt, Ruth Matilda Anderson, Ksado, Imogren Cunnigham ou Jacques Heri Lartigue, entre outros.

A mostra intenta compartir co público este traballo de creación interna que cada fotógrafo experimentou ao longo do proceso, polo que cada unha das pezas vai acompañada dunha cartela explicativa na que se reproduce a menor tamaño a imaxe orixinal que se tomou como modelo, xunto cos datos do seu autor, datas e referencia biográfica, alén dos datos do autor da peza actual.

Do 23 de maio ao 5 de xuño, no Centro Sociocultural de Conxo.

Axenda

XiraKarting

O Concello de Santiago colabora un ano máis co XiraKarting, co que os composteláns terán a oportunidade de pilotar un kart no circuíto situado en Salgueiriños. Ademais, nesta novena edición a oferta lúdica complétase coa celebración do Día Internacional da Familia, organizado polo Centro de Información á Muller (CIM). Na mesma localización do circuíto, durante a tarde do venres, haberá inchables, xogos, actividades e actuación musical con acceso libre para persoas de todas as idades.

Do 29 ao 31 de maio, en Salgueiriños.

Axenda

"Artistas na rúa", mostra fotográfica na Casa das Asociacións de Cornes

Artistas na rúa, proxecto expositivo producido por alumnos e alumnas de 3º grao en Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela, pretende dar voz e notoriedade aos artistas das rúas de Santiago de Compostela, que cada día nos amenizan dende o seu anonimato coa súa arte. A mostra céntrase nunha serie fotográfica que nos presenta o día a día destes artistas e está ligada a un traballo académico da materia de Museoloxía e Museografía, impartida polo profesor Miguel Anxo Rodríguez González, quen supervisou o traballo.

A exposición reúne oito artistas rueiros de Santiago de Compostela mediante un traballo fotográfico realizado polos propios alumnos e no que se pode discernir a actividade artística de cada un deles. Son artistas que exercen dende o anonimato, polo que se lles quere outorgar o protagonismo que merecen poñendo nome a caras que vemos de cotío.

Do 8 ao 29 de maio na Casa das Asociacións de Cornes, de martes a xoves en horario de 16:30 a 18:30 e os venres de 16:30 a 20:30 horas.

Axenda

"Saxo tenor", de Roberto Vidal Bolaño, no Teatro Principal

O Teatro Nacional Dona Maria II de Lisboa representa Saxo tenor, de Roberto Vidal Bolaño. Unha desgraza suburbana improbable entre loucos, gangsters, chulos e prostitutas: foi así que Roberto Vidal Bolaño subtitulou esta peza escrita en 1991. O compostelán Roberto Vidal Bolaño é un dos máis importantes dramaturgos, directores e actores galegos contemporáneos. En Saxo tenor, o autor –herdeiro lexítimo de Ramón Maria del Valle Inclán– propón un verdadeiro esperpento de final do século XX. Esta peza recibiu o Premio Álvaro Cunqueiro 1991 ao mellor texto teatral orixinal que agora chega á súa cidade da man da compañía nacional de teatro lisboeta Dona Maria II.

O venres 29 de maio, ás 17:30, e o sábado 30, ás 20:30 horas, no Teatro Principal.

Máis información: Compostela Capital Cultural

Axenda

Puntada sen Fío

Puntada sen fío é un grupo de recente creación formado por Xiana Lastra (voz), Juan Collazo (percusión) e Roberto Rama (saxo) que presenta o seu primeiro traballo discográfico: A lúa prendeu a luz. Concerto incluído no ciclo Sons'15.

O venres 29 de maio, ás 21:00 horas, no Centro Galego de Arte Contemporánea.

Máis información: Compostela Capital Cultural

Compartir: