Jueves 27 de febrero 2014

Axenda

Exposición fotográfica "Santiago-Kumano, rutas de peregrinación Patrimonio da Humanidade"

As 44 fotografías dos arquivos de Turismo de Santiago e do Tanabe City Kumano Tourism Bureau amosan os puntos comúns destas dúas peregrinacións milenarias.

Do 30 de outubro de 2013 ao 11 de abril de 2014, no Museo das Peregrinacións e de Santiago.

Axenda

Exposición sobre o centenario das escolas oficiais de idiomas

Con motivo do centenario da existencia das escolas oficiais de idiomas, a EOI de Santiago de Compostela, xunto coa Asociación de Profesorado de EOI de Galicia (APEOIGA), programaron a chegada a Galicia da exposición conmemorativa, que leva percorrendo a xeografía española dende o ano 2011. A mostra ficará en Compostela ata o 6 de marzo, antes de continuar o seu periplo por outras vilas e cidades galegas.

A exposición divídese en dúas partes. A primeira, que se exhibe na Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, leva por título Cen anos a che dar a palabra e fai unha viaxe pola historia das EOI, dende a creación da Escuela Central de Idiomas de Madrid, no ano 1911, ata a actualidade. Nela faise un percorrido gráfico e histórico polos 100 anos destas institucións educativas e os seus protagonistas principais, alumnado e profesorado, e expóñense documentos administrativos e bibliográficos que fan parte do seu devir.

A segunda parte, denominada O noso son as linguas, que conta tamén cunha parte interactiva e audiovisual, exponse no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche e presenta un percorrido por todas as linguas que se ensinan e aprenden nas escolas oficiais de idiomas do Estado, con paneis explicativos individualizados por cada unha delas.

Ata o 6 de marzo no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche e na Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela.

Axenda

"Maside en Compostela. O testamento pictórico do mestre"

Exponse na Fundación Novacaixagalicia Maside en Compostela. O testamento pictórico do mestre, un proxecto no que colaboran o Concello de Santiago, a familia de Carlos Maside e a devandita Fundación. A través de 31 obras de diversas temáticas, e realizadas con diferentes técnicas que van dende o óleo ata a acuarela, pasando pola tinta china sobre pergameo, o proxecto expositivo presenta un percorrido pola obra e vida deste artista de traxectoria singular que se converteu no principal referente ideolóxico da xeración dos renovadores.

Ata o 31 agosto de 2015, en horario de luns a domingo de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas, no Centro Cultural da Fundación Novacaixagalicia.

Axenda

"Barba Azul, unha sabotaxe amorosa", opereta para clown e soprano na Zona C

Mónica de Nut e Borja Fernández constrúen unha versión libre do mito de Barba Azul partindo do libreto que escribiu o poeta húngaro Bela Bálasz para unha ópera de Bartok no ano 1918. Barba Azul é un mito clásico da tradición europea, reinterpretado en múltiples ocasións, na linguaxe das artes literarias, escénicas e cinematográficas.

Os días 20, 21 e 22 de febreiro, ás 20:30 horas, e o día 23 ás 19:30 horas, na Zona C.

Os días 27, 28 de febreiro e 1 de marzo, ás 20:30 horas, e o día 2 de marzo ás 19:30 horas, na Zona C.

Máis información: Compostela Capital Cultural

Axenda

Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Clemens Schuldt

O director Clemens Schuldt dirixirá a Real Filharmonía de Galicia e ao clarinetista Maximiliano Martín interpretando obras coma o Concerto romanesco de G. Ligeti, o Concerto para clarinete nº1 de C.M.v.Weber, o Octeto para cordas de F. Mendelssohn e a Sinfonía nº 29 de W. A. Mozart.

O xoves 27 de febreiro, ás 21:00 horas, no Auditorio de Galicia.

Máis información: Compostela Capital Cultural

Compartir: