Martes 28 de enero 2014

Axenda

"O bosquexo do mundo", no Auditorio

A exposición O bosquexo do mundo sérvese da ambigüidade e riqueza do termo "bosquexo" como proxecto ou apuntamento previo á execución dunha obra, e tamén como imaxe mental, como idea latente na mente do artista e no seu ámbito de traballo. Nun labor conxunto de investigación e diálogo cos artistas, os comisarios achegáronse a cada un dos talleres e lugares de produción, para seleccionar ou rescatar toda unha serie de materiais que son parte esencial da estrutura das obras, e que aportan novas lecturas e tamén novos interrogantes sobre a súa orixe e significados.

A selección abrangue varias xeracións, dende artistas que iniciaron a súa traxectoria nos anos oitenta, ata os máis novos, nacidos a principios desa mesma década, ou na inmediatamente anterior, nos 70. Autores que traballan nos máis variados ámbitos creativos, utilizando técnicas e materiais —debuxo, gravado, pintura, colaxe, escultura, fotografía, vídeo, instalación— que en ocasións funcionan como método de investigación, como soporte ou material de apoio para as obras.

A relación de 21 artistas que participan nesta exposición é a seguinte: Marta Bran (Melide, A Coruña, 1986); Berta Cáccamo (Vigo, 1963); Bosco Caride (Vigo, 1963); Rosendo Cid (Ourense, 1974); Tamara Feijoo (Ourense, 1982); Beatriz Lobo (Vigo, 1985); Juan Loeck (Santander, 1959); Rut Massó (Vigo, 1970); Din Matamoro (Vigo, 1958); Chelo Matesanz (Reinosa, Cantabria, 1964); Santiago Mayo (Tal, A Coruña, 1965); Tatiana Medal (A Coruña, 1971); Miguel Mosquera (Ourense, 1953); Doa Ocampo (Sober, Lugo, 1986); Kiko Pérez (Vigo, 1982); Ignacio Pérez-Jofre (Madrid, 1965); Isaac Pérez Vicente (O Rosal, Pontevedra, 1955); Juan Carlos Román (Bilbao, 1961); Teo Soriano (Mérida, Badaxoz, 1963); Tayone (Vigo, 1980) e Mauro Trastoy (Ferrol, 1971).

Ata febreiro de 2014, no Auditorio de Galicia.

Máis información: Compostela Capital Cultural

Axenda

Exposición fotográfica "Santiago-Kumano, rutas de peregrinación Patrimonio da Humanidade"

As 44 fotografías dos arquivos de Turismo de Santiago e do Tanabe City Kumano Tourism Bureau amosan os puntos comúns destas dúas peregrinacións milenarias.

Do 30 de outubro de 2013 ao 11 de abril de 2014, no Museo das Peregrinacións e de Santiago.

Axenda

"Compostela Única" no Local Sociocultural da Rocha

Os centros socioculturais exhiben a mostra Compostela Única, un retrato en imaxes anteriores a 1965, producida polo Ateneo de Santiago. Amosa unha selección de fotografías captadas nas rúas de Compostela entre o nacemento da moderna fotografía, a mediados do século XIX, e 1965.

Do 17 ao 29 de xaneiro, no Local Sociocultural da Rocha.

A mostra visitará os centros socioculturais de Vite (do 5 ao 26 de febreiro); do Castiñeiriño (do 6 ao 28 de marzo); das Fontiñas (do 2 ao 8 de abril), do Ensanche (do 3 ao 16 de maio) e de Conxo, do 9 ao 30 de setembro.

Axenda

"Auschwitz-Birkenau, unha mirada ao pasado", de Daniel Candal: exposición fotográfica no Ensanche

Auschwitz-Birkenau, unha mirada ao pasado é un conxunto de 25 imaxes en branco e negro sobre o maior campo de concentración e exterminio da historia do nazismo. 25 fotografías acompañadas de textos explicativos sobre os motivos concretos de cada unha delas, explicacións históricas e relatos de prisioneiros.

Do 27 de xaneiro ao 8 de febreiro no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche.

Compartir: