Viernes 11 de octubre 2013

Axenda

"Rúas de Compostela. De onte a hoxe", na Casa do Cabildo

Rúas de Compostela. De onte a hoxe é o título da nova exposición na Casa do Cabido, organizada polo Consorcio de Santiago, que propón un percorrido a través da historia e da evolución do rueiro, con informacións sobre a orixe dos seus nomes, a súa historia e os seus veciños. Tamén se inclúen mapas históricos da cidade e algunhas das antigas placas cos nomes das rúas que estiveron colocadas ata 1965.

A exposición conta coa colaboración do Ateneo de Santiago coa inclusión dun vídeo con fotografías antigas da cidade.

Ata o 30 de decembro de 2013, na Casa do Cabildo.
Martes a sábados: 10:00-14:00 e 16:00-20:00 h.
Domingos: 11:00-14:00 h.

Axenda

"Dalí e daquí", mostra de María Neira, Ángela Brea e Isabel Pazos

Dalí e daquí, amosa as últimas creacións das novas artistas María Neira Nogueiras, Ángela Brea Fernández e Isabel Pazos Pose. Partindo da pintura e abarcando outros ámbitos, o seu traballo baséase en amosar as diferentes perspectivas da súa percepción do ser humano.

As obras destas artistas representan as súas vivencias e experiencias persoais en lugares dispares, pero mantendo vínculos comúns.

Do 3 ao 30 de outubro, no Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche.

Axenda

"O bosquexo do mundo", no Auditorio

A exposición O bosquexo do mundo sérvese da ambigüidade e riqueza do termo "bosquexo" como proxecto ou apuntamento previo á execución dunha obra, e tamén como imaxe mental, como idea latente na mente do artista e no seu ámbito de traballo. Nun labor conxunto de investigación e diálogo cos artistas, os comisarios achegáronse a cada un dos talleres e lugares de produción, para seleccionar ou rescatar toda unha serie de materiais que son parte esencial da estrutura das obras, e que aportan novas lecturas e tamén novos interrogantes sobre a súa orixe e significados.

A selección abrangue varias xeracións, dende artistas que iniciaron a súa traxectoria nos anos oitenta, ata os máis novos, nacidos a principios desa mesma década, ou na inmediatamente anterior, nos 70. Autores que traballan nos máis variados ámbitos creativos, utilizando técnicas e materiais —debuxo, gravado, pintura, colaxe, escultura, fotografía, vídeo, instalación— que en ocasións funcionan como método de investigación, como soporte ou material de apoio para as obras.

A relación de 21 artistas que participan nesta exposición é a seguinte: Marta Bran (Melide, A Coruña, 1986); Berta Cáccamo (Vigo, 1963); Bosco Caride (Vigo, 1963); Rosendo Cid (Ourense, 1974); Tamara Feijoo (Ourense, 1982); Beatriz Lobo (Vigo, 1985); Juan Loeck (Santander, 1959); Rut Massó (Vigo, 1970); Din Matamoro (Vigo, 1958); Chelo Matesanz (Reinosa, Cantabria, 1964); Santiago Mayo (Tal, A Coruña, 1965); Tatiana Medal (A Coruña, 1971); Miguel Mosquera (Ourense, 1953); Doa Ocampo (Sober, Lugo, 1986); Kiko Pérez (Vigo, 1982); Ignacio Pérez-Jofre (Madrid, 1965); Isaac Pérez Vicente (O Rosal, Pontevedra, 1955); Juan Carlos Román (Bilbao, 1961); Teo Soriano (Mérida, Badaxoz, 1963); Tayone (Vigo, 1980) e Mauro Trastoy (Ferrol, 1971).

Ata febreiro de 2014, no Auditorio de Galicia.

Máis información: Compostela Capital Cultural

Axenda

"[Retro]visor": poesía expandida

Un novo proxecto de poesía interdisciplinar de Antía Otero e Isaac Garabatos, que nos ofréce a posibilidade de sentir a experiencia poética a través da música, da palabra, do video, da acción-instalación artística, do Found Footage e do Live Cinema.

Do 10 ao 12 de outubro, ás 20:30 horas, na Zona C.

Máis información: Compostela Capital Cultural

Axenda

Pedro Pastor e Chico César en concerto no Sons Tránsitos

Na segunda xornada de Sons Tránsitos poderemos ver a Pedro Pastor (fillo de Luis Pastor e Lourdes Guerra, e sobriño de Pedro Guerra), un cantautor novo que xa está a destacar no panorama estatal. E tamén poderemos escoitar a Chico César, un dos máis destacados representantes da música brasileira, que nos presenta o seu espectáculo Aos vivos agora, que repasa toda a súa carreira. Virá acompañado de Dani Black, un dos novos valores da música deste país.

O venres 11 de outubro, ás 20:30 horas, no Teatro Principal.

Máis información: Compostela Capital Cultural

Axenda

"Tempos modernos", de Charles Chaplin, no Compostela Cine Classics

Proxección de Tempos modernos, de Charles Chaplin, no marco do ciclo Compostela Cine Classics'13. Café con cine con Miguel Anxo Fernández (escritor e crítico de cine).

O venres 11 de outubro, ás 20:30 horas, no Centro Sociocultural de Santa Marta.

Axenda

Berto Romero

Berto Romero trae a Compostela o seu espectáculo Sigue con nosotros. Os rumores eran certos. Berto Romero estaba a atravesar unha etapa complicada. A fama subíraselle á cabeza, os traumas que carrexaba desde pequeno polo seu aspecto físico e a tormentosa relación coa súa familia fixéranlle ir dando tumbos. Digámolo claro: non estaba ben. Pero Berto volveu. Agora é un pai responsable, un cómico respectado e está a alcanzar a madurez. A un paso de converterse en corentón, cre aprender algunhas boas leccións que quere compartir connosco.

O venres 11 de outubro, ás 21:00 horas, no Auditorio de Galicia.

Máis información: Compostela Capital Cultural

Compartir: