Sábado 17 de enero 2015

Axenda

"Espazos compartidos. Cines e vidas", mostra fotográfica de Compostela Cine Classics

Unha exposición conformada por 15 fotografías seleccionadas das concorrentes no concurso promovido pola edición deste ano do Compostela Cine Classics, pecha a programación sociocultural deste proxecto,

A exposición recolle as impresións dos distintos autores sobre o cine nas súas vidas, os seus recordos e o que o cine representa para eles. Os traballos seleccionados son os seguintes: "Voltaremos", de José Alberto Pedrido Guldrís; "Días de choiva", de Ana Valado; "Personaxe misteriosa", de José Alberto Pedrido Guldrís; "Novembro en Compostela" de María Munín González; "Outro Cinema Paradiso", de Jorge Juan; "Redescubrindo a Sala Yago", de Yolanda Atararxia; "Fuga en vermello", de Javier Grixo; "Godard", de Ana Gontad; "I love cine", de Peibol; "Safety curtain", de Valeria; "A taquilla do Colón", de Tania F.; "Con faldas y a lo loco en San Martiño Pinario", de María Munín González; "A derradeira carteleira dos cines Valle-Inclán", de María Munín Gonzalez; "Primer plano", de José Mª Lamas; e "Expo cine", de Lora B.

Do 15 de xaneiro ao 12 de febreiro no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche.

Axenda

"Lo real", intervención de María Castellanos Vicente na Zona C

María Castellanos Vicente (Xixón, 1985), indaga en Lo real acerca da percepción. Formalmente, concibe unha instalación cunha parede chea de espellos aparentemente normais e sitúa no centro da sala un monitor no que o público se vai atopar coa cita do filósofo francés Jean Baudrillard: "O real xa non é aquilo que se pode reproducir, senón o reproducido’. A frase só se pode ver a través do monitor, que reproduce a tempo real o que unha cámara situada na sala está a capturar".

Ata o domingo 1 de febreiro, na Zona C.

Máis información: Compostela Capital Cultural

Axenda

"Maside en Compostela. O testamento pictórico do mestre"

Exponse na Fundación Novacaixagalicia Maside en Compostela. O testamento pictórico do mestre, un proxecto no que colaboran o Concello de Santiago, a familia de Carlos Maside e a devandita Fundación. A través de 31 obras de diversas temáticas, e realizadas con diferentes técnicas que van dende o óleo ata a acuarela, pasando pola tinta china sobre pergameo, o proxecto expositivo presenta un percorrido pola obra e vida deste artista de traxectoria singular que se converteu no principal referente ideolóxico da xeración dos renovadores.

Ata o 31 agosto de 2015, en horario de luns a domingo de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas, no Centro Cultural da Fundación Novacaixagalicia.

Axenda

Mago Teto

O espectáculo de maxia O afiador xira en torno a unha roda de afiar dos anos 30 herdada polo mago Teto dos seus ancestros. Cun oficio que tivo o seu apoxeo nos séculos XVIII e XIX e practicamente extinguido no século XXI, os afiadores desprazábanse centos de kilómetros coa única compaña da súa roda. As súas historias e aventuras, propias doutros tempos, son postas en escena coa axuda do ilusionismo polo mago Teto, quen emprega neste show elementos típicos dos afiadores como poden ser coitelos, tesoiras, navallas, paraugas…

O sábado 17 de xaneiro, ás 18:30 horas, no Teatro Principal.

Máis información: Compostela Capital Cultural

Axenda

Teatro do Morcego representa "Diálogo do can co seu amo"

Un sen teito, porteiro dun hotel de luxo, atópase cun can de rúa ao que lle gusta interromper o tránsito e provocar accidentes. Estes dous inadaptados, un xeneroso e outro cínico, van iniciar un diálogo sobre o estado do mundo... Unha sátira de Teatro do Morcego (unha das compañías máis veteranas do teatro galego, con 25 anos de historia) contra a estupidez e o egoísmo.

O venres 16 e o sábado 17 de xaneiro, ás 20:30 horas, e o domingo 18 ás 18:00 horas, no Salón Teatro.

Máis información: Compostela Capital Cultural

Compartir: