Miércoles 16 de julio 2014

Axenda

Oitava edición do Premio Auditorio de Galicia para Novos Artistas

A oitava edición do Premio Auditorio de Galicia para Novos Artistas, do ano 2013, ofrece a oportunidade de acceder á arte máis actual, un conxunto de 46 obras onde a frescura dos novos artistas se fai presente a través de diferentes métodos de representación. Así podemos encontrar dende os procedementos máis tradicionais como o óleo sobre lenzo ata imaxes virtuais, recreacións de cámaras escuras ou instalacións audiovisuais. Nesta edición, o primeiro dos premios foi para Olaia Sendón; o segundo para María Castellanos e o accésit para Jesús Madriñán.

Ata o 3 de agosto, no Auditorio de Galicia.

Máis información: Compostela Capital Cultural

Axenda

Mostra conmemorativa dos 75 anos do Exército do Aire

O Museo das Peregrinacións e de Santiago, na Praza das Praterías acolle unha mostra que celebra o 75º aniversario do Exército do Aire. Esta exposición itinerante está organizada polo Servizo Histórico e Cultural do Exército do Aire e pretende difundir a evolución que a forza aérea experimentou durante estes anos.

A mostra componse dunha serie de paneis a gran tamaño con fotografías e texto que resaltan os principais feitos históricos do Exército do Aire. Reúne ademais maquetas, uniformes, carteis e obxectos diversos pertencentes aos fondos do Museo de Aeronáutica e Astronáutica. Destacan fotografías aéreas de Santiago de Compostela e información relativa a personaxes vencellados á cidade.

Ata o 16 de xullo, no Museo das Peregrinacións e de Santiago.

Axenda

"Santiago cidade ilustrada", exposición na Casa do Cabido

O Consorcio de Santiago e El Patito Editorial organizan a exposición Santiago Cidade Ilustrada na Casa do Cabido. A mostra reflicte, a través de máis de 60 debuxos e ilustracións, o protagonismo que a cidade compostelá foi adquirindo na literatura infantil e xuvenil, nos cadernos de viaxe e nos cómics nos últimos anos. Son obras de autores nacionais e internacionais, cunha sección dedicada aos debuxantes norteamericamos que nas súas historietas incorporaron imaxes de Santiago.

Ata o mes de outubro, na Casa do Cabido.

Axenda

"Maside en Compostela. O testamento pictórico do mestre"

Exponse na Fundación Novacaixagalicia Maside en Compostela. O testamento pictórico do mestre, un proxecto no que colaboran o Concello de Santiago, a familia de Carlos Maside e a devandita Fundación. A través de 31 obras de diversas temáticas, e realizadas con diferentes técnicas que van dende o óleo ata a acuarela, pasando pola tinta china sobre pergameo, o proxecto expositivo presenta un percorrido pola obra e vida deste artista de traxectoria singular que se converteu no principal referente ideolóxico da xeración dos renovadores.

Ata o 31 agosto de 2015, en horario de luns a domingo de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas, no Centro Cultural da Fundación Novacaixagalicia.

Compartir: