Protección Civil

A agrupación de voluntarios de Protección Civil do Concello de Santiago préstalle á comunidade servizos orientados á prevención e intervención en situacións que potencialmente entrañen perigosidade, mediante o desenvolvemento loxístico e a recomendación de accións que permitan paliar os riscos en eventos organizados e situacións imprevistas.

Son funcións de Protección Civil:
  • Contribuír á detección de riscos co estudo e análise dos distintos riscos naturais, accidentes industriais, accidentes nas distintas vías de comunicación, nos aeroportos, nos portos marítimos, incendios...
  • A prevención e adopción de medidas para evitar ou diminuír as situacións de risco, promovendo o desenvolvemento loxístico, a adopción de normativa legal en materia de Protección civil e recomendando a realización de obras que permitan limitar os riscos.
  • A planificación ou elaboración dos distintos planos, como o Platerga, os planos especiais (risco químico, transporte de mercadorías perigosas, incendios, inundacións...) e os planos específicos (Sapraga, Nega, Contra a seca...)
  • Intervención, que abrangue as actuacións encamiñadas a protexer as persoas e os seus bens.
  • Rehabilitación, que engloba aquelas medidas encamiñadas a restaurar os servizos públicos.

Entre os servizos que ofrece Protección civil está o de acompañamento de peregrinos e inspección das rotas xacobeas na súa chegada a Compostela, ademais de impartir relatorios e conferencias en centros de ensino e asociacións sobre os consellos para facer o Camiño.

Protección Civil presta a súa colaboración na organización de eventos culturais, deportivos, relixiosos e tamén está presente en cabalgadas de Reis e Entroido, nos fogos do Apóstolo ou na Carreira Pedestre Popular.

Ademais particípase na busca de persoas desaparecidas e colabórase con outros corpos como Policía local, nacional e autonómica, Bombeiros, Garda Civil ou Cruz Vermella, especialmente en actos multitudinarios. Tamén realizan actuacións en inundacións, temporais, xiadas ou desastres naturais e en todos aqueles eventos nos que sexa requirida a súa presenza.

Os servizos de medio ambiente de Protección Civil contemplan o relacionado coa protección do contorno natural, rescate e recollida de fauna salvaxe, especialmente animais protexidos, e recuperación de árbores de Nadal. Ás aves protexidas préstanselles as primeiras atencións e remítense ao Centro de recuperación de fauna salvaxe de Oleiros.

Contacto

ENDEREZO: Estadio de San Lázaro, local 1. Rúa Fernando Casas Novoa, 20. CP 15708. Santiago de Compostela.
TELÉFONOS: 981 543105 / 981 543111 / 981 543107
FAX: 981 543108
Contactar



Compartir: