Plan Estratéxico de Santiago
O Concello impulsou a elaboración do Plan Estratéxico da Cidade co obxectivo de pular do desenvolvemento económico e social de Santiago, sobre as bases do compromiso dos principais axentes económicos e sociais, públicos e privados, e a participación e colaboración cidadá.
A terceira fase do Plan consistiu na definición dos obxectivos e das liñas estratéxicas. A cuarta e última fase suporá o desenvolvemento dos obxectivos, a definición do proxecto e os programas de actuación.
As conclusións articúlanse en torno a seis liñas estratéxicas e, arredor de cada unha delas cinco ou seis obxectivos. Todo isto en torno a un obxectivo central, que aposta por "facer de Compostela a porta da Galicia dinámica e innovadora; unha cidade aberta, de encontro, cun horizonte de desenvolvemento continuado e sostible, capaz e aportar á Capital de Galicia unha base económica sólida, diversificada e competitiva".
O documento afirma a condición de Santiago como capital de Galicia, reforza a súa proxección internacional, amplía a súa base económica e avoga por un futuro cun emprego de calidade para os seus habitantes. Trátase así mesmo de facer da calidade de vida urbana un sinal de identidade da cidade.
Diversificación
A primeira das liñas estratéxicas é "diversificar a base económica que estimule a creación de emprego de calidade, mediante a consolidación do tecido empresarial e a atracción de novo investimento. Para lograr isto, proponse conseguir unha ampla oferta de solo empresarial, promover investimentos, fortalecer o tecido empresarial existente, consolidar as actividades turísticas e fortalecer a cultura empresarial e emprendedora.
Mobilidade
A mellora da accesibilidade e da mobilidade configura a segunda liña estratéxica. Os obxectivos son os seguintes: acadar a integración nas redes de estradas de alta capacidade, potenciar do papel de Compostela como estación central do Eixo Atlántico da rede ferroviaria europea de alta velocidade, reforzar o papel internacional do aeroporto de Lavacolla, impulsar a función de Santiago como centro de intercambio modal, mellorara as infraestruturas e o transporte colectivo e mellorara a accesibilidade Terminal á cidade central.
Proxección
A terceira das estratexias aposta por impulsar o atractivo e a proxección de Compostela. Para iso, considérase prioritario consolidar o papel turístico de referencia de Santiago, afirmala como cidade comercial e de servizos e potenciar a súa proxección cultural. Ademais, preténdese potenciar o papel integrador da capital de Galicia e a súa visibilización internacional.
Innovación
A innovación é a protagonista da cuarta liña, co fin de consolidar a formación o I+D-i e a cultura. Trátase de construír unha cidade do coñecemento, en torno a eixes como a Universidade de Santiago, as empresas tecnocientíficas, as tecnoloxías da información e os espazos para a creación , a produción e a difusión cultural. Neste aspecto, a Cidade da Cultura está chamada a xogar un papel central.
Calidade de vida
A quinta liña fixa como prioridade aumentar a calidade de vida dos composteláns, mellorar a cohesión social e avanzar na sostibilidade e na calidade ambiental da cidade e do seu contorno. Para iso, establécense obxectivos como o máis doado acceso á vivenda, a adaptación da poboación á nova rede de servizos, a dinamización do espazo civil urbano, o saneamento integral do municipio e a consolidación das boas prácticas urbanísticas.
Cooperación
A sexta liña alude ao reforzamento das institucións interadministrativas da cidade. O Consorcio de Santiago, o Estatuto de Capitalidade, as institucións supramunicipais da área urbana compostelá ou as redes internacionais de cooperación entre cidades xogarán un papel fundamental neste cometido.
Na elaboración do Plan Estratéxico están a intervir o Concello, a Universidade de Santiago, a Cámara de Comercio, as tres centrais sindicais (CCOO, CIG e UXT), a Confederación de Empresarios de Galicia, o Arcebispado de Santiago e Caixa Galicia, como entidade patrocinadora.