Lingua

O Concello de Santiago presta especial atención ao proceso de normalización lingüística a través de dúas liñas principais de actuación: o funcionamento en galego dos seus propios servizos e as actuacións de promoción dun maior uso social do noso idioma.

Ademais do marco legal que ampara a actuación en materia de normalización nos municipios, o Concello aprobou en 1988 un Regulamento de uso do galego que especifica os usos na propia administración.

Ademais, conta cunha estrutura dedicada a actuar en materia de lingua: a Concellaría de Política Lingüística, o Consello Municipal de Normalización Lingüística e o Departamento de Lingua Galega.

O Consello Municipal de Normalización Lingüística

É un órgano de participación que ten como finalidade promover o diálogo social sobre a política lingüística. Neste marco, a representación de diversos sectores sociais e da propia Corporación poden debater as propostas que formula o Goberno municipal ou que chegan da sociedade, contribuíndo a asesorar e dirixir a actuación municipal. Este órgano facilita tamén a transmisión das propostas á sociedade á que van dirixidas.

Está composto por un membro de cada unha dos grupos políticos que forman a Corporación, ademais dos representantes das seguintes institucións, organizacións ou sectores sociais: Dirección Xeral de Política Lingüística, Universidade de Santiago, organizacións en defensa da lingua, organizacións empresariais, sindicatos, ensino, asociacións cultuais, xuvenís e veciñais.

O Departamento de Lingua Galega

O Concello de Santiago creou en 1988 un departamento específico que xestiona a oferta de servizos lingüísticos –asesoramento, información, programas de intervención, campañas informativas, formación, subvencións, etc.

Ademais de atender á resolución de problemas lingüísticos na propia administración, é un servizo aberto á cidadanía e a colectivos, entidades asociativas, empresas, centros de ensino, etc., ao que se pode acudir directamente (na Casa do Concello), por teléfono (981 54 24 09) ou por correo electrónico (dlg@santiagodecompostela.gal).

Servizos

Lingua



Compartir: