Zonas verdes e parques

Santiago a cabalo

Escultura de granito de 16 toneladas situada no xardín dianteiro do Parlamento de Galicia. Trátase dunha escultura bifronte, coa intención de recibir os camiños de Francia e do camiño de Portugal. A escultura é obra do artista coruñés Antonio García Patiño, que contou co traballo do tamén escultor ferrolán David Dos Santos Feal.

Porta da música

Situada no parque de San Domingos de Bonaval, a escultura "Porta da Música", de Eduardo Chillida, é unha peza realizada en aceiro cortén de 17 toneladas de peso e 3,24 metros de alto.

A obra foi concibida polo escultor vasco de xeito que a forza do vento proxectada sobre os tres elementos que conforman a peza produce un peculiar son. Durante os labores de instalación da Porta da Música, Chillida manifestou que esta peza "pretende ser un sincero e emotivo saúdo ao Apóstolo e ademais reflectir o mellor posible a relación existente entre a escultura, a música e a arquitectura".

Intencionadamente aliñada co Pórtico da Gloria, a Porta da Música está inspirada nun texto de Santo Agostiño escrito antes da súa conversión e titulado "De música", cunha serie de reflexións sobre a relación da música co mundo da medida e da proporción.

A escultura, colocada en 1994, está formada por dúas columnas de aceiro unidas por un arco. Construíuse no obradoiro de Patricio Echevarría (Legazpi).

Rosalía de Castro

No Paseo da Ferradura do Parque da Alameda, atópase unha escultura de granito dedicada co busto de Rosalía de Castro. Os autores desta obra, que se colocou neste lugar no ano 1917, son Isidro de Benito e Francisco Clivilles
A escultura ten diversas placas: da Unidade Gallega de Nova Iorque dedicada á "cantora do pobo galego", do Centro Santiago de Compostela de Bos Aires (1934), da Peña Gallega Manuel Murguía de Santa Fe (1959), do Centro Galego de Porto Rico en (1965) e de Cantigas e Agarimos (1971), entre outras.

Proa anciño

Situada no Parque da Almáciga desde a súa inauguración no 1992, trátase dunha obra realizada por Silveiro Rivas de granito vermello que pesa oito toneladas e ocupa 40.000 metros cadrados de superficie. Conta cun privilexiado miradoiro sobre a cidade de Compostela.

Retrato póstumo de Asurbanipal

No Parque Música en Compostela, atópase esta estatua de Eugenio Granell, colocada en xullo de 1993. Trátase dunha doazón do Instituto de Crédito Oficial e ten unha altura de 10 metros.

Porta de Compostela

Escultura de Camilo Otero inaugurada en marzo de 1994 que se sitúa no parque da Ponte Mantible. Foi instalada con motivo da inauguración nesa data dos parques da Ponte Mantible e Pablo Iglesias, en Vite. A obra foi realizada no ano 1992 en Pietra Santa (na Toscana) en pedra de travestino rosa. Cun peso de seis toneladas, esta escultura representa un home nunha porta sen entrada nin saída definida, que simboliza o efémero do paso do home pola vida, da que nunca marcha enteiramente só.

A Pasionaria

Obra de Camilo Otero feita en bronce e madeira, situada nos xardíns da Facultade de Económicas e doada polo propio autor.

As Marías

Trátase da escultura máis emblemática e máis fotografada da nosa cidade. As Marías, tamén coñecidas como "as dúas en punto", eran dúas mulleres compostelás que vivían da caridade e que transgrediron certas normas de conduta dos anos 1950 e 1960, posto que eran solteiras e vestíanse e maquillábanse con cores excesivas.

O autor desta escultura, situada desde xullo de 1994 no paseo central do Parque da Alameda, é César Lombera.

O vello dos contos

É un busto de bronce sobre unha base de pedra dedicado a Xosé Mosquera Pérez no xardín que leva o seu nome realizado por Fernando García Blanco e localizado nos xardíns Xosé Mosquera Pérez de Pelamios. Foi inaugurada en xaneiro de 1995.

Segundo explicou Otero, Xosé Mosquera (Enfesta, 1895 –Santiago de Compostela, 1965), "o vello dos contos", foi "un dos máis transparentes e fidalgos corazóns da nosa terra".

Homenaxe a Castelao

Realizada por Francisco Leiro en granito negro, esta escultura ubícase na carballeira de Santa Susana. Foi inaugurada en abril de 1995.

La gran española

Escultura de bronce fundido pintado con cera e goma laca realizada por Markus Lüpertz. Ten un peso de 400 quilos e está ubicada na Praza de Rodrigo de Padrón. Inaugurouse en novembro de 1995.

Estatua dedicada a Pablo Iglesias

A colocación desta estatua, o 1 de maio de 1998 no Parque de Vite, foi promovida pola UXT. O seu autor é César Lombera.

Monolito Encontro Cardinal

Deseñado por Julio Camba e esculpido por Luis Borrajo, esta escultura colocouse na Avenida de Xoán XXIII en outubro de 1998.

Espazo cromlech ocupado

O autor desta escultura, situada no Parque de San Domingos de Bonaval en decembro de 1998, é Leopoldo Nóvoa.

Escultura homenaxe a Valle-Inclán

Con autoría de César Lombera, esta escultura está feita en bronce e atópase desde xaneiro de 1999 no Paseo dos Leóns do Parque da Alameda.

Sen título

Escultura de ferro de Rubén García Juncal instalada na Praza Rodrigo de Padrón.

Esfera armilar

Escultura de Cándido Pazos situada a carón do Pavillón de Galicia, en San Lázaro. Trátase dunha escultura de cobre, pedra e ferro pensada para o Camiño de Santiago, "entendendo que se trata dun camiño e ida e volta".

A furia cósmica

Escultura de Ignacio Basallo que está colocada en A Choupana desde o 2004. É unha peza de aceiro cortén de catro toneladas de peso e que conta cun sistema de iluminación interna.

O Arco das Estrelas

Escultura de Yolanda d’Ausburgo instalada en Meixonfrío.

Porta itineris Sancti iacobi

No último tramo da Ruta Xacobea, á altura de San Lázaro, unha gran porta de granito e bronce chamada Porta itineris sancti iacobi, obra de Cándido Pazos, da a benvida a Compostela aos peregrinos que veñen camiñando polo Camiño Francés. A súa gran altura (16,5 metros) faina visible desde ben lonxe. Esta porta ten como baseo chamado "Círculo da vida", un carreiro circular conformado polas pedras das principais poboacións polas que discorre o Camiño de Santiago enmarcado en cuarzo branco.

Enlaces



Compartir: