Zonas verdes e parques

Carballeira de San Lourenzo

A Carballeira de San Lourenzo é un xardín histórico situado entre a rúa Poza de Bar, o Campus Universitario Sur, a estrada vella de Noia e o río Sarela. Conta cunha superficie de 8.287 m2. O Pazo de Trasouto, a fonte e o cruceiro son os seus principais valores artísticos. Na carballeira existen varios exemplares de carballos do país, a maioría moi antigos, de copas altas e algún ocos.

Parque Carlomagno

O Parque Carlomagno sitúase no barrio de Fontiñas. Está delimitado pola avenida de Lugo e Rodríguez de Viguri, o Camiño francés e San Lázaro, a vía férrea e a autoestrada do Atlántico. Ten unha superficie de 156.403 m2. As especies arbóreas que o conforman son, entre outras: plátanos de paseo, alciprestes de Portugal, camelias, magnolios, cedros do Himalaia, tuias, bidueiros, oliveiras e rododendros.

Neste parque sitúanse o I.B. de Fontiñas, o Instituto Galego da Vivenda e a Escola Galega da Administración Pública.

Ademais, conta con diversas estatuas: rapaces xogando, muller con neno e o monolito de Fontiñas e un parque infantil.

Parque da alameda

O parque da Alameda é un xardín histórico que naceu no 1546 a partir da cesión dos terreos por parte dos Condes de Altamira. No 1835 creouse a Alameda propiamente dita. Posteriormente, nos anos 1855, 1873, 1874, 1878, 1879 e 1918 fóronse sucedendo diversas reformas ata chegar ao estado actual.

Este parque sitúase a medio camiño entre a zona nova de Santiago e a zona vella. Está delimitado polas rúas do Pombal, San Clemente, Figueroa, Xoán Carlos I e a Avenida da Coruña. Ten unha superficie de 85.000 m2. As principais especies deste parque son, entre outras, o abeto do Caúcaso, o pradairo, o falso plátano, o castiñeiro de Indias, a araucaria, a camelia florida, os cedros do Himalaia a árbore do amor, ciprés de Lawson, diversas variedades de alcipestres, o acivro, o xenebro, etc.

Este gran pulmón de Santiago intégrano os xardíns do Campo da Estrela, o Paseo da Ferradura e a carballeira de Santa Susana. Dentro do parque, existen numerosos valores artísticos, como a Capela de Santa Susana, a Capela do Pilar, a gardería de Santa Susana, o quiosco da Música, a Casa de Banet e as estatuas dedicadas a Rosalía de Castro, á Leiteira, a Castelao, a Pais Lapido, a Manuel Ventura Figueroa, a Méndez Núñez, ás Marías e a Valle-Inclán. Conta tamén con dúas fontes.

Parque do Monte Almáciga

Este parque sitúase no barrio da Almáciga, entre os barrios de Betanzos, Pino, Touro e Teo. Ten unha superficie de 37.339 m2. Carballos, cedros do Himalaia e do Atlas, plátanos de paseo, chopos negros e brancos, falsas cerdeiras, moreiras brancas, enebros, azaleas, rododendros e bambús son as principais especies arbóreas e arbústeas.

No parque Monte Almáciga sitúase a Escola Municipal de Música e o xardín do Colexio Público Apóstolo Santiago. Ademais, nel localízase unha estatua que leva por nome "Proa a Enciño".

Parque da Ponte Mantible

Este parque de barrio creouse en marzo de 1994. Situado no barrio de Guadalupe, entre as rúas Blanco Amor, Ponte Mantible e a Ponte sobre o río Corvo, ten unha superficie de 9.318 m2. Bidueiros, cerdeiras, plátano de paseo, salgueiros choróns, árbores de Xúpiter, liquidámbares, magnolios, chopos negros e tillaría son as principais especies arbóreas. Ao pé do río tamén hai amarradoiras, bambús e salgueiros.

Neste parque hai tamén unha grande escultura de Camilo Otero, a chamada "Porta de Compostela".

Parque de Fermín Bouza-Brey

O Parque de Fermín Bouza-Brey é un parque de barrio de recente creación. Está situado entre a avenida de Xoán XXIII e a avenida de Castelao. Ten unha superficie de 26.332 m2. As principais especies de árbores que atopamos son o abeto de Douglas, a falsa cerdeira, a moreira branca, o chopo branco, cedros e salgueiros choróns.

Parque de Xixón

Situado entre a Avenida das Nacións e a Avenida de Xoán XXIII, ten unha superficie de 14.449 m2. Pódese acceder a pé desde a Facultade de Económicas e a urbanización que se ergue no que fora a Finca de Lois. Esta finca conta con 16.000 m2 de superficie, sendo as árbores máis destacables o alcipreste xaponés, o alcipreste común, os plátanos de paseo e o espiño de lume.

Parque Música en Compostela

O Parque Música en Compostela nace como parque de barrio no ano 1991, cunha superficie de 25.913 m2. Está situado entre os barrios de Pelamios, Vista Alegre e o Campus Norte e delimitado pola Facultade de Económicas, o edificio do Auditorio de Galicia e as rúas de Pelamios e Vista Alegre. O acivro, o liquidámbar, o chopo, a falsa cerdeira, a acacia do Xapón, a acatalpa, a abeleira, o castiñeiro, a tamargueira e o bidueiro son as principais especies arbóreas deste parque. Tamén hai rododendros, sabugueiros e bambús.

Distintos valores artísticos enchen os espazos do parque: o Auditorio de Galicia, a Capela de Nosa Señora da Fonte, un antigo lavadoiro e un cruceiro. Ademais, conta cun parque infantil.

Dúas obras dos escultores Eugenio Granell e Manuel Ruibal conforman este conxunto artístico: o Retrato de Asurbanipal e o Dolmen Novo Milenio, respectivamente.

Parque San Domingos de Bonaval

O parque de San Domingos de Bonaval é un xardín histórico creado no 1994 a partir do antigo recinto de Bonaval. Conta con 36.963 m2 de superficie. Está situado na zona vella, entre as rúas de Teo, Costiña do Monte, Escultor Asorei, Travesa de Santa Clara, San Roque, Ramón María del Valle-Inclán e Ruela da Caramoniña.

Conta con diferentes compoñentes: unha carballeira, unha horta e un antigo camposanto. Os valores artísticos deste parque son o convento de San Domingos de Bonaval, a igrexa de San Domingos de San Domingos de Bonaval, o Centro Galego de Arte Contemporánea, a Porta da Música, o Cromlech, a Escultura de Viga e o Cromlech Praza da Angustia. Os valores culturais son o Museo do Pobo Galego, o Museo Municipal de Santiago, o Centro de Restauración de Galicia, o Museo de Arte Contemporánea e o Panteón de Galegos Ilustres.

Parques de Pablo Iglesias e San Caetano

O Parque Pablo Iglesias nace no ano 1994 no barrio de Guadalupe e delimitado polas rúas de Federico García Lorca, Eduardo Blanco-Amor, Ponte Mantible e a Avenida de Castelao. Conta cun parque infantil e varias pistas de xogos, ademais dunha estatua de Pablo Iglesias. A súa superficie é de 19.079 m2.

Parque de Eugenio Granell

Situado no Restollal, este parque inaugurouse en maio de 2003 cunha superficie aproximada de zona verde de 130.000 m2. Este espazo de lecer da servizo aos barrios do Castiñeiriño, Pontepedriña, Conxo e o Ensanche. Nel consérvase a vexetación autóctona, como unha carballeira, aínda que incorpora novas plantacións. Dispón dun carril bici na marxe do río Sar, unha moderna pasarela que conecta ambas marxes do río, dous miradores sobre o val do Restollal, un parque infantil, tres plataformas para exercicios físicos e unha pista de patinaxe.

Enlaces



Compartir: