Concello de Santiago de Compostela

Saltar a contidos
Utilidades (Saltar):

Idiomas (Saltar):



Portada » Casa do Concello » Servizos municipais

O Misterio das sete pezas

Descrición O Misterio das sete pezas é un xogo educativo, de aventuras e misterio, no que se pon a proba o enxeño e as habilidades do usuario nun contorno facilmente recoñecíbel, o Concello de Santiago, facendo uso dunha coidada presentación, dun deseño claro e, sobre todo, fomentando valores e actitudes positivas cara á lingua galega.

O Misterio das sete pezas é unha proposta para o divertimento e tamén para a formación, que permite un uso individualizado ou colectivo e que abre, grazas tamén ás orientacións didácticas que achega, a posibilidade para traballar nas aulas co propio xogo ou, partindo del, cos personaxes, situacións, lugares, etc.

Os escenarios nos que se move a protagonista, Ana Branco, son prazas, rúas e lugares significativos de Compostela: a praza do Obradoiro, Chaián, o Mercado de Abastos, a rúa do Vilar, a praza do Toural, o parque da Música, o Auditorio, a Alameda, Conxo, o Museo de Arte Contemporánea, San Domingos de Bonaval, a porta do Camiño..., en cada escena o usuario interacciona con diferentes personaxes e elementos para ir avanzando no xogo ata resolver o enigma.
Notas para o cidadán
Un dos obxectivos prioritarios da Concellaría de Política Lingüística, tendo en conta os datos que achegan os estudos realizados, é a promoción do uso da lingua entre a mocidade, para o que, unha das fórmulas que pode resultar máis efectiva é a creación de novos contornos para a comunicación en galego, tanto no contexto escolar como no de ocio.

Á hora de facilitar a creación deses novos contornos de uso, as propostas lúdicas e relacionadas coas novas tecnoloxías da comunicación, cada vez máis presentes na vida dos rapaces e rapazas, resultan ser especialmente idóneas, tendo en conta tamén que poden promover a reflexión e as actitudes positivas cara á lingua.

Os ordenadores, os videoxogos, internet... ocupan un lugar cada vez máis destacado na vida dos rapaces e rapazas, tanto no medio social como no educativo ou familiar. Pola contra, a oferta de produtos informáticos e multimedia atractivos e útiles en galego non é moi abundante, malia o seu potencial normalizador.

A Concellaría de Normalización Lingüística, logo de contar coa colaboración da Dirección Xeral de Política Lingüística e de Compostela 2000, e co fin de conxugar todos os elementos sinalados, convocou un concurso público para o deseño e realización dunha aplicación multimedia educativa con aspecto de xogo, orientada ao contexto escolar, e centrada na promoción do uso da lingua.

A empresa Imaxín software resultou adxudicataria do concurso coa proposta dun xogo conversacional para o que achegaron a idea orixinal, o deseño e a realización: O Misterio das sete pezas.

A aplicación parte de tres obxectivos xerais:
-Promover actitudes positivas cara á lingua galega a través dun produto multimedia atractivo e útil desde o punto de vista educativo.
-Ofrecer un material de apoio e reforzo ás escolas para traballar as actitudes lingüística.
-Promocionar o uso da lingua galega integrando diferentes contidos transversais

Os usuarios poden moverse por diferentes rutas e itinerarios para ir aprendendo por descubrimento e experiencia persoal, potenciando, coa libre asociación de ideas, o coñecemento interconectado e non secuencial. Estas características permiten alcanzar, non só obxectivos formativos, senón reflexións e cambios de actitude a respecto do idioma e tamén dos contidos das áreas transversais que enriquecen e estimulan a consecución dos diferentes educativos propostos.

Guía didáctica:
No propio CD achégase unha guía didáctica para o profesorado na que se inclúe a fundamentación pedagóxica da aplicación, unha análise dos contidos, un mapa de Santiago, o vocabulario do xogo e unha guía de lugares de interese na cidade.

Actitudes, valores e normas:
-Valoración dos esforzos individuais, colectivos e institucionais en favor da normalización lingüística.
-Valoración da lingua como instrumento cognitivo e medio de comunicación privilexiado, así como elemento configurador da identidade persoal e colectiva.
-Valoración dos textos de tradición oral como manifestación dunha cultura propia, na que se poden identificar as claves da expresión popular.

Feitos, conceptos e principios:
-Relación e interferencias da lingua galega con outros idiomas: castelán, portugués...
-A tradición oral popular. A súa importancia en Galicia. Formas que representa (lendas, contos, refráns, adiviñas...)
-A lingua en interacción coa música e coa mímica: recitado, canto, dramatización.

Procedementos:
-Observación e comprensión dos diversos comportamentos lingüísticos presentes na vida social, xulgando criticamente as súas motivacións.
-Utilización dos diferentes medios de comunicación como fonte de información, formación e entretemento.
-Análise das diferentes mensaxes existentes nos medios: informativas, de opinión, propagandísticas e publicitarias, prestando atención ás respectivas estratexias utilizadas.
Solicítase en
Lingua galega
Enderezo: Pazo de Raxoi, entrada polo baixo da Travesía de Raxoi, 1º andar
Tel.: 981 542 409
Fax: 981 542 410
Correo: Contactar co Concello

« Lingua


Enviar | Imprimir | Arriba

© 2005, Concello de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300. Aviso legal