Correlingua

Descrición

Coas actividades de Correlingua quérese convidar a mocidade e os centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito a medrar en galego e tamén a exercer de maneira efectiva como galegos e galegas a través do uso do noso idioma, única forma de garantir o futuro do galego.

Obxectivos
Propiciar a reflexión sobre a situación da lingua e a importancia de activar as accións en prol dela.
Sensibilizar a sociedade, a través da poboación xuvenil, da importancia da defensa da lingua.
Asociar a reflexión lingüística a actividades colectivas, lúdicas e amenas e interdisciplinares.

Dirixido a

Alumnado e profesorado dos centros de ensino.
Entidades asociativas culturais, veciñais e xuvenís que queiran sumarse a correr pola lingua.

Periodicidade

En Compostela comezouse a organizar Correlingua en 1998, coa participación do Concello de Santiago, a Mesa pola Normalización Lingüística, a Coordinadora de Equipos de Normalización dos Centros de Ensino da Comarca de Compostela e a Agrupación Cultural O Galo.

Logo de que o interese por esta actividade fose medrando por todo o país, no curso 2000-2001, a CIG-Ensino, a Asociación Sócio-Pedagóxica Galega e Nova Escola Galega propuxeron a unificación dos proxectos comarcais e a extensión desta convocatoria, converténdoa nunha actividade nacional que transita dunha a outra localidade a través dun testemuño-mensaxe común.

Desde o curso 2002 Correlingua componse de 10 carreiras comarcais e está organizada no nivel nacional pola CIG-Ensino, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a Mesa pola Normaliación Lingüística. En Compostela continúan participando a Concellaría de Política Lingüística do Concello de Santiago e a Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística.

Cada edición conta tamén con apoios diversos de institucións e empresas.

Notas para o cidadán

Durante a primeira parte do curso, as entidades convocantes manteñen varias reunións para deseñar as actuacións concretas; escoller o lema; preparar a difusión das actividades; establecer o percorrido das carreiras e coordinar as responsabilidades de cada unha.

Esta colaboración permite que Correlingua non sexa só un acto puntual que coincide coa celebración do Día das Letras Galegas, senón unha actividade extensa no tempo que serve de pretexto para a dinamización lingüística nos centros de ensino.

Cada ano propóñense actividades previas que xiran arredor do lema escollido: Pon a lingua en marcha (1998), A meta... o galego (1999); Esta historia vai contigo (2000); Busca un tesouro, atopa a lingua (2001); Fala, non cales (2002); Fala, non mordas a lingua (2003); Pon o galego en todas as bocas! (2004); Galego, un bico na lingua (2005); Xogas? En galego gañamos (2006); Galegando (2007); 365 días, en galego cabe todo (2008); En galego! Pásao (2009); Galego: a forza do noso amor (2010).

Entre as actividades destes anos incluíronse: concurso de carteis, concurso de lemas e manifestos, xogos de pistas na rúa, dramatizacións, actividades nas aulas, certame de banda deseñada, xogos en rede...

Acto central do Correlingua En torno ao Día das Letras ten lugar o acto central de Correlingua, dez carreiras en dez localidades do noso país. A de Compostela discorre polas rúas da Cidade Histórica e quere chamar a atención de toda a sociedade sobre a necesidade de poñer en marcha accións positivas para a extensión do uso da lingua. Convídase a participar a todos os colectivos da comarca e, especialmente á mocidade, de xeito que, mediante unha actividade lúdica, a mensaxe resumida no lema acade a máxima difusión.

A carreira de Santiago, non competitiva, ten percorrido circular e, ao remate, ten lugar a lectura do manifesto e a entrega dos premios. En cada edición cóntase coa presenza de artistas, persoeiros da cultura, do deporte ou dos medios que contribúen a animar o acto no que interveñen tamén representantes das entidades convocantes.

Convocatoria vixente.

Solicítase en

Lingua galega
Enderezo: Pazo de Raxoi, entrada polo baixo da Travesía de Raxoi, 1º andar
Tel.: 981 542 409
Web: http://delingua.santiagodecompostela.gal


Compartir: