Xosé Antonio Sánchez Bugallo

Xosé Antonio Sánchez Bugallo
Alcalde de Santiago de Compostela. Con competencias en Promoción Económica, Emprego, Mercados e Comercio. Voceiro da Xunta de Goberno.
Nado na localidade coruñesa de Teixeiro o 31 de xaneiro de 1954, chegou a Santiago en 1961, e en 1983 comezou a súa vida política como xefe de gabinete de Xerardo Estévez. Durante once anos, entre 1987 e 1998, foi concelleiro socialista á fronte de Deportes, Relacións Veciñais, Tráfico e Seguridade Cidadá, Persoal e Réxime Interior e Facenda, entre outras áreas; asumindo tamén, durante un período de tempo, a portavocía municipal. De 1991 a 1999 foi deputado provincial, levando, entre 1991 e 1995, as áreas de Persoal e Réxime Interior. Accedeu á Alcaldía de Santiago en 1998, despois da renuncia de Xerardo Estévez. As eleccións municipais de 1999, 2003 e 2007 levárono a gobernar Compostela durante tres lexislaturas consecutivas. Presentouse ás eleccións autonómicas en 2012 polo PSdeG-PSOE, obtendo un escano e pasando a ser, ata 2016, deputado no Parlamento de Galicia. Como parlamentario presidiu a Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos; e foi portavoz da Comisión de Ordenación do Territorio, Urbanismo e Vivenda.

Mercedes Rosón Ferreiro

Mercedes Rosón Ferrreiro
Concelleira de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica e Acción Cultural. Primeira tenente de alcalde.
Subdirectora da Área de Cultura do Vicerreitorado de Comunicación, Cultura e Servizos da USC, e responsable da Fonoteca universitaria dende finais dos anos oitenta; centrando fundamentalmente a súa actividade nos ámbitos da xestión e produción de música, exposicións, artes plásticas e xestión do patrimonio histórico-artístico e a música. Durante oito anos, de 2003 ao 2011, foi concelleira no Goberno municipal, ocupando as áreas de Cultura, Rehabilitación e Cidade Histórica, Centros Socioculturais, Urbanismo, Vivenda e Educación. En 2011 retomou o seu traballo na Universidade, traballo que compaxinou coa actividade política como concelleira do PSdeG-PSOE na oposición do concello compostelán ata o 2 de decembro de 2017. Á marxe da actividade profesional, forma parte de diferentes colectivos veciñais, sociais e culturais.

Gumersindo Guinarte Cabada

Gumersindo Guinarte Cabada
Concelleiro de Relacións Institucionais e Turismo. Delegado do Ano Santo 2021. Secretario da Xunta de Goberno Local. Segundo tenente de alcalde. Voceiro do Grupo Municipal Socialista.
Naceu en Forcarei e trasladouse de neno a Compostela. Aquí estudou, ata doutorarse en Dereito. É profesor e decano da Facultade de Dereito da USC. Compatibilizou a súa traxectoria universitaria con diversos cargos políticos e institucionais, dentro e fóra da Universidade, entre os que figuran: director do Instituto de Criminoloxía, secretario xeral da USC, vicevaledor do Pobo e secretario xeral da Presidencia da Xunta no Goberno de Emilio Pérez Touriño.

María Milagros Castro Sánchez

Milagros Castro Sánchez
Concelleira de Políticas Sociais, Saúde, Medio Ambiente e Parques e Xardíns. Terceira tenente de alcalde.
Nada en 1965, é técnica superior de Saúde Bucodental e traballadora dende 1995 do Centro de Saúde de Fontiñas, barrio no que reside. Nas eleccións de 2015 foi escollida por primeira vez concelleira do grupo municipal socialista. Na actualidade é a secretaria xeral da Agrupación Local do PSdeG-PSOE.

Gonzalo Muíños Sánchez

Gonzalo Muíños Sánchez
Concelleiro de Mobilidade, Seguridade Cidadá e Festas. Cuarto tenente de alcalde.
Nado no barrio de San Pedro en 1969. Estudou en La Salle e traballou, durante vinte anos, en Autos Lobelle, como responsable de Calidade e Medio Ambiente. Foi xerente do Club Lobelle Fútbol Sala entre 2002 e 2011. Formou parte da lista de Sánchez Bugallo en 2011, e dende aquela é concelleiro.

Marta Abal Rodríguez

Marta Abal Rodríguez
Concelleira de Economía, Facenda, Persoal, Contratación e Modernización da Administración Local. Quinta tenente de alcalde.
Nada en Cenlle (Ourense) en 1982, é licenciada en Ciencias Políticas e da Administración pola USC e máster de Xestión Pública, tamén pola Universidade de Santiago. En 2005 comezou a traballar para a Xunta de Galicia. Ata 2009, como persoal eventual de gabinete na Secretaría Xeral de Análise e Proxección. A partir de 2010 exerceu como funcionaria do corpo administrativo, e dende 2011 como funcionaria do corpo superior da Administración Xeral.

José Manuel Pichel Patiño

José Manuel Pichel Patiño
Concelleiro de Medio Rural.
Naceu en 1965 en Val do Dubra, aínda que vive en Santiago dende hai máis de 25 anos. En 1992 empezou a traballar en Unións Agrarias. Entre 1994 e 2002 foi secretario xeral na comarca de Ordes. Na actualidade é o coordinador na comarca de Compostela, compatibilizando este cargo co de técnico responsable dos Servizos Fiscais. Tamén é membro do Comité Federal da UPA, a Unión de Pequenos Agricultores e Gandeiros; e do Comité Nacional de UXT-Galicia. Milita no PSOE dende o ano 1993.

Noa Díaz Varela

Noa Susana Díaz Varela
Concelleira de Educación, Mocidade, Igualdade e Políticas Lingüísticas.
Licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, e en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo e, dende 1995, xornalista do Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago. Actual secretaria xeral de Cultura do PSdeG. Vive en Santiago dende os seus tres días de vida.

José Javier Fernández Martínez

José Javier Fernández Martínez
Concelleiro de Centros Socioculturais, Barrios e Obras.
Funcionario do Consello de Contas de Galicia, é diplomado en Relacións Laborais pola Universidade de Santiago de Compostela e graduado en Relacións Laborais e Recursos Humanos pola Universidade da Coruña. Forma parte da xunta directiva da asociación Sandra Prego Rial.

María Esther Pedrosa Carrete

María Esther Pedrosa Carrete
Concelleira de Deportes e Benestar Animal.
É técnica do Servizo de Deportes da Universidade de Santiago de Compostela; e unha apaixonada do atletismo, que practica a nivel profesional. É campioa do mundo de cross, subcampioa do mundo de 1.500 e ten catro mellores marcas de España; todo na categoría máster, na que compite. No VIII Campionato do Mundo Máster, en Polonia, acadou a medalla de prata na proba de cross, e nos 3.000 metros en pista cuberta.
Compartir: