Iago Lestegás Tizón

Iago Lestegás Tizón
Concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, con competencias nas materias de urbanismo (planeamento, xestión urbanística, licenzas e disciplina urbanística e aqueloutras que a normativa urbanística lle atribúa á Alcaldía), patrimonio municipal (xestión, protección, conservación e defensa, incluída a formulación de solicitudes; alegacións ou outras actuacións ante persoas ou entidades públicas ou privadas para a súa defensa, debida constancia ou regularización); cidade histórica, vivenda e rehabilitación; e as relativas ao exercicio da potestade expropiatoria deste Concello e as que na súa representación corresponden á Alcaldía en procedementos de expropiación forzosa doutras Administacións.

Arquitecto pola Universidade Politécnica de Madrid e doutor en Rexeneración Urbana e Desenvolvemento Económico pola Universidade ‘Mediterranea’ de Reggio Calabria (Italia). Realizou estadías de investigación e intercambios académicos en universidades de Portugal, Estados Unidos, Arxentina e Noruega. Traballou como arquitecto no ámbito do urbanismo e a ordenación territorial, como consultor internacional de innovación e como investigador na Universidade de Santiago de Compostela. Ten experiencia na redacción de planeamento urbanístico, no deseño de espazo público e na elaboración de estratexias de desenvolvemento urbano sostible. Durante oito anos estudou as problemáticas actuais dos centros históricos e, especialmente, os impactos da turistificación sobre a vivenda, o comercio e a calidade de vida das comunidades locais. Ademais, forma parte do tecido asociativo compostelán ligado á música e ao baile tradicionais.

Urbanismo
O Concello busca mellorar a calidade de vida dos cidadáns e das cidadás, facendo un concello e un territorio mais habitable e entendendo a necesidade dun dinamismo que permita anticiparse ás necesidades futuras para poder recuperar o pulo do concello e ser un referente a nivel mundial como urbe de referencia, como o foi na rehabilitación do seu patrimonio histórico e cultural. Todo isto a través do funcionamento como unha rede territorial cun proxecto común, logrando a integración do territorio, da paisaxe, das augas, dos espazos naturais na complexidade urbana coa finalidade de reducir a pegada ecolóxica botando man dos seus recursos naturais.

Dende o Goberno local impúlsase a calidade do espazo público tendo en conta o criterio dos seus usuarios, os cidadáns, e promovendo a convivencia entre os diferentes ciclos vitais. Apóstase por un planeamento xeral que ordene o crecemento do concello, adaptándoo ás necesidades de crecemento actual.

O Concello impulsa unha política activa de urbanismo que aposta pola calidade urbanística e pola sustentabilidade, pero tamén pola axilización da normativa nesta materia. Neste sentido, unha das prioridades é unha maior eficacia e celeridade na concesión das licenzas municipais. Así, avánzase no e-urbanismo, co obxectivo de que os cidadáns poidan tramitar a través da páxina web os diferentes procedementos urbanísticos.

Outro dos cometidos desta área é difundir entre os cidadáns e cidadás o valor do patrimonio existente no noso concello, dende o arqueolóxico e etnográfico ata o territorial, como son os camiños, os núcleos rurais ou os curtidoiros. Este recoñecemento do valor patrimonial na nosa contorna axudará tamén a diversificar as estancias turísticas na cidade.
Cidade Histórica e Rehabilitación
O casco antigo de Compostela é, sen ningunha dúbida, un dos principais atractivos turísticos da cidade e constitúe a súa imaxe a nivel internacional. Santiago conta con máis de 40 edificios catalogados como de excepcional valor arquitectónico, case setenta que posúen características singulares de valor cultural e preto de 300 con características tipolóxicas e compositivas de especial significación arquitectónica.

Pero é interese do Goberno compostelán ocuparse das demandas e necesidades dos veciños que viven neste ámbito, revitalizando a Cidade Histórica, fomentando o mantemento e a introdución de habitantes novos e novas e limitando e regulando os usos turísticos e comerciais.
Vivenda
Outro dos eixes do Departamento é o recoñecemento do dereito constitucional do acceso á vivenda por parte dos cidadáns e das cidadás, con políticas de vivenda que permitan o acceso a mesma de todos os sectores da poboación, evitando a especulación e fomentando a reinvestimento das plusvalías urbanísticas en vivenda de promoción pública.

Son cometidos desta área evitar a proliferación de vivendas baleiras ou en estado de abandono, promovendo a súa saída ao mercado de alugueiro, e fomentar a rehabilitación do parque edificatorio existente en toda a cidade. O Concello tamén asume o compromiso de evitar os desafiuzamentos, actuando como mediadores, apoiando o traballo das organización non gobernamentais nesta materia e retirando os fondos das entidades financeiras que executen despexos en primeiras vivendas.


Compartir: