Facenda, Réxime Interior, Persoal e Reforma Administrativa
Rosa Fernández Somoza
Concelleira delegada de Facenda. Concelleira de Réxime Interior, Persoal e Reforma Administrativa. Secretaria adxunta da Xunta de Goberno Local.
Diplomada Universitaria en Relacións Laborais. Curso Superior de Relacións Laborais (1995). Funcionaria de carreira en servizo activo da Escala de Xestión da Universidade de Santiago. Dende o ano 1999 ocupaba o posto Xefe do Servizo de Xestión de Persoal na Universidade de Santiago.
Facenda
A delegación encargada de xestionar a facenda pública municipal está a vivir neste tempo un período de reorganización no que afecta, fundamentalmente, á relación que se establece entre a mesma e a cidadanía.
Búscase, non só achegar a xestión tributaria municipal e os servizos ao cidadán senón tamén levar a cabo un uso máis racional dos recursos tributarios que recada a institución local. Aproximar ao cidadán os trámites relacionados co pago de impostos locais e o mellor aproveitamento dos bens xerados a partir da tributación cidadá é o obxectivo clave.
Réxime Interior
Ten a facultade para darlles as instrucións precisas aos servizos municipais para a adopción de medidas de seguridade e reparación, mantemento e conservación que requiran os edificios de propiedade municipal, en especial do Pazo de Raxoi.
Persoal
En materia de Persoal desempeña a xefatura directa e inmediata do persoal municipal, agás dos corpos de Policía municipal, Bombeiros e Protección Civil. Ten a competencia de propór a estruturación e organización dos servizos administrativos do Concello no marco das áreas existentes en cada momento.
Encárgase da proposta de aprobación dos plans de formación do persoal municipal e da revisión de sistemas de organización e métodos de traballo. Ten tamén a potestade de adoptar as medidas que estime necesarias para procurar o mantemento e incremento da produtividade e do rendemento do persoal municipal.
Reforma Administrativa
Un dos proxectos da corporación municipal compostelá é o de modernizar a administración. O principal obxectivo desta modernización é o de acadar unha maior racionalización no emprego dos recursos públicos así como unha maior accesibilidade aos servizos por parte do cidadán.
Outra das cuestións nas que se centrará a reforma administrativa municipal será na participación e na colaboración co cidadán, unha das cuestións fundamentais na lexislatura que está afrontando o grupo de goberno. Mellorar no coñecemento das necesidades que teñen os habitantes de Compostela para poder ofrecerlles a mellor atención posíbel e crear os servizos que precisa son algunhas das cuestións que subliña o Libro Branco da Modernización do Concello de Santiago.
Asemade ocúpase de adaptar a Administración municipal ao novo modelo de xestión derivado da aplicación da Lei de Grandes Cidades.