Concello de Santiago de Compostela

Saltar a contidos
Utilidades (Saltar):

Idiomas (Saltar):



Portada » Casa do Concello » Concellarías » Urbanismo, Vivenda e Educación

Urbanismo, Vivenda e Educación

Mercedes Rosón Ferreiro
Concelleira Delegada de Urbanismo e Vivenda. Concelleira delegada de Educación.
Nace en 1961. Foi subdirectora da Área de Cultura do Vicerreitorado de Extensión Cultural da Universidade compostelá e responsable da Fonoteca Universitaria dende 1991.


Urbanismo e Vivenda

O Concello impulsa unha política activa de urbanismo caracterizada pola ambición de obxectivos, a calidade urbanística e a aposta decidida pola sustentabilidade. Establécese como unha prioridade a política de vivenda, planificando solo adicional para a creación de novas vivendas e desenvolvendo o planeamento xa existente para a construción de proximamente 7.000 novas. Impúlsase, de xeito decidido, a construción de vivendas de promoción pública, en réxime de propiedade e de alugueiro.

Promóvense programas de urbanización ou reurbanización no conxunto da cidade e continúase a política de rehabilitación da cidade histórica coa extensión a novas áreas. Avánzase, deste xeito, na dotación de equipamentos e servizos a todos os cidadáns, cun criterio de equilibrio territorial.

Educación

A Concellaría atende as competencias municipais no ámbito da educación, dispón de recursos e organiza actividades para mellorar a calidade do ensino. Promove o compromiso coa educación e o fomento de valores entre os mozos e as mozas de Compostela, así como a solidariedade e o traballo en equipo. Son obxecto de especial atención as actividades formativas e os programas de información para distintos grupos de idade e con intereses tamén diversos, sabedores de que é imprescindíbel a presenza constante en todas as canles de comunicación, procurando achegar as novas tecnoloxías á cidadanía.

Desenvolve as súas actividades exercendo as distintas competencias que a lexislación estatal e autonómica lle asignan aos concellos no eido da educación, entre os que se atopan: o mantemento, conservación e reparación dos edificios e equipamentos escolares públicos de educación infantil e primaria, o que supón facerse cargo dos consumos de auga, teléfono, calefacción e electricidade; limpeza diaria e saneamento; conserxaría e vixilancia dos centros e labores de reparación e melloras nas instalacións (carpintaría, albanelaría, electricidade, etc.).

A escolarización obrigatoria de todos os nenos e nenas é outro dos ámbitos nos que os concellos teñen competencias polo que se promoven campañas informativas sobre a preinscrición e matriculación nos centros escolares dos niveis educativos non universitarios; tamén se traballa na prevención do absentismo escolar, en coordinación con outros departamentos municipais e coa Inspección Educativa.

Convoca un programa de axudas para a compra de libros e material escolar para alumnos e alumnas empadroados e escolarizados en educación obrigatoria. Dende a aprobación da LODE os concellos poden intervir directamente na xestión dos centros e na planificación educativa do seu territorio para o que o Concello de Santiago conta cun Consello Municipal de Educación, aprobado polo Pleno do Concello de Santiago de Compostela na sesión celebrada o día 30 de marzo de 2000, órgano de consulta e participación, constituído por membros da comunidade educativa e representantes de todos os sectores sociais e participa por medio de representantes nos consellos escolares dos centros públicos.


Enviar | Imprimir | Arriba

© 2005, Concello de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300. Aviso legal