Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo
Estadio de San Lázaro, porta 9. Avenida de Fernando Casas Novoa, 20
Tel.: 981 542 493 /
Xosé Manuel Iglesias Iglesias
Concelleiro delegado de Promoción Económica, Emprego e Comercio. Concelleiro delegado de Turismo.
Naceu en Ourense no ano 1949. É profesor de Educación Física no IES de Cacheiras (Teo). Durante anos o seu labor desenvolveuse no ámbito sindical, sendo membro da Comisión Executiva e do Secretariado do Consello Confederal da CIG. No 1991 foi elixido secretario nacional da UTEG-INTG e, tres anos máis tarde, da federación de ensino da CIG ata o ano 1997. Tamén exerceu de responsábel institucional do Consello Local do BNG en Santiago de Compostela. Entre 1999 e 2003 foi concelleiro de Educación e Mocidade, e de Facenda.
Promoción Económica
O apoio e promoción de proxectos de autoemprego e de cooperativas de mozos e mozas prestando asesoramento informativo e xurídico e mediante axudas económicas ás iniciativas xuvenís de creación de emprego, a potenciación dos viveiros de empresas ou o estudo da situación laboral da mocidade mediante a posta en marcha dun Observatorio Municipal que recolla datos sobre a evolución do emprego e elabore propostas para axeitar a formación á demanda son algunhas das iniciativas da Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Mercados.
Emprego
No tocante a esta materia o Concello mantense en estreita colaboración co organismo autonómico de política de emprego, o Servizo Galego de Colocación. Así mesmo, Santiago participa a este nivel do Plan Labora de promoción do emprego e ofrece ao longo de todo o ano cursos e programas de formación ocupacional e continua.
Dous dos proxectos do Concello de Santiago para favorecer a inserción laboral son o Proxecto Crear e o Proxecto Persoa. Este último procura a integración laboral a través dos novos xacementos de emprego artellando a través dun proceso de formación específica que inclúe a realización de prácticas titorizadas. Pola súa parte, o Proxecto Crear é un programa experimental no que están a participar 75 candidatos seleccionados a través do Servizo Galego de Colocación.
Comercio
Este é un sector fundamental dentro da economía compostelana e, polo tanto, o goberno municipal centra os seus esforzos na configuración de programas de promoción comercial, a través de convenio coas asociacións de comerciantes do concello. Un dos proxectos máis recentes foi a dinamización comercial da Praza Roxa, que incluíu a remodelación arquitectónica da propia praza, a convocatoria dun premio de escaparatismo e a instalación dunha carpa para celebrar a súa apertura.
A tarefa da delegación de Comercio non pode levarse a cabo sen ter en conta un traballo man a man coas asociacións que representan o pequeno comercio tradicional: Centro Comercial Aberto Compostela Monumental, Área Comercial Santiago Centro e Agrupación de Comerciantes de Santiago (Acotes), así como as grandes áreas comerciais: Área Central e Centro Comercial Compostela.
Turismo
A Concellaría de Turismo de Compostela atende os visitantes que se achegan á cidade pola súa condición de capital europea, os peregrinos que realizan o Camiño de Santiago e que visitan Compostela non só durante o Ano Xacobeo, e a todas as persoas que se veñen á nosa cidade convocadas por congresos e eventos culturais.
Para atender estas necesidades, a Concellaría xestiona un Plan de Excelencia Turística. En 1999 o concello creou unha empresa municipal, Incolsa, dedicada especificamente á promoción turística da cidade.