Concello de Santiago de Compostela

Saltar a contidos
Utilidades (Saltar):

Idiomas (Saltar):



Portada

Contactos do concello
Visítanos no: Facebook Twitter

Cultura e Centros Socioculturais

Socorro García Conde
Tenenta de alcalde.
Concelleira delegada de Cultura e de Centros Socioculturais.
Voceira do grupo municipal do BNG.
Veciña das Moas de Arriba, en Figueiras. 39 anos. Traballa no Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago. Colabora con organizacións do ámbito lingüístico e foi cofundadora da Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización da Lingua.


Cultura

A Concellaría de Cultura pretende unha aplicación democrática, participativa, activa e creativa dos programas que desenvolve, co fin de facilitar a transformación da sociedade mediante a xeración de identidade, entrelazando memoria e futuro. Unha cultura na que os santiagueses se poidan recoñecer e asemade ollen cara á diversidade de pobos, nacións e linguas do mundo de xeito aberto e cun carácter de universalidade.

É compromiso tamén a extensión da realidade cultural máis alá dos sectores tradicionais, tales como literatura, artes escénicas, plásticas, audiovisuais ou patrimonio, para abrir novas canles que vinculen a cidade coas forzas que moven a sociedade compostelá, ao tempo que insiren o momento cultural nas posibilidades da denominada sociedade da información, como xeito irrevogábel de constituír tradición e vangarda.

Estímase necesario o compromiso vinculante coa cidadanía, que debe ser a protagonista última da conciencia cultural da cidade, como emisora maioritaria dos contidos e mensaxes culturais e, así mesmo, receptora do abano múltiple das propostas culturais galegas e da diversidade de pobos do mundo.

Para levar adiante este programa quérense fomentar as posibilidades de acceso aos bens culturais dos colectivos e persoas con dificultades, mediante a promoción de estímulos económicos e de programacións axeitadas no que se refere a horarios, localizacións...

A cooperación e apoio no desenvolvemento de proxectos culturais xerados polos diferentes axentes sociais, co establecemento de medidas e convenios que estimulen a súa participación, e o apoio das manifestacións tradicionais da cultura popular galega como a artesanía, música, folclore ou festas populares son outras das estratexias da xestión da Concellaría de Cultura.

Centros Socioculturais

Santiago de Compostela conta cun total de 40 centros socioculturais distribuídos entre os diversos barrios que conforman o municipio. O gran número de centros e a súa distribución territorial respostan a un interese pola deslocalización que permite que se dea unha maior multiplicidade da oferta cultural do concello e que estas iniciativas cheguen ao tempo a un maior número de persoas sen que requira o desprazamento fóra do seu ámbito espacial cotiá.

Os Centros Socioculturais constitúen o complemento perfecto para a programación de gran formato que ten lugar noutras áreas, como pode ser o Auditorio de Galicia, e permite que a oferta formativa, cultural e de lecer do concello se achegue ao cidadán.

Ademais de contar cunha programación estábel de exposicións, conferencias, ciclos formativos e audiovisuais, cursiños, etc. a rede de Centros Socioculturais de Compostela compleméntase coa rede de Bibliotecas municipais.


Enviar | Imprimir | Arriba

© 2005, Concello de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300 (Centraliña) 981 542 357 (Alcaldía). Aviso legal