DEPORTES

David Gutiérrez, do Camargo-Ferroatlántica, gaña a segunda etapa da Volta Ciclista da Ascensión

22/05/2009 David Gutiérrez, do Camargo Ferroatlántica, gañou ao sprint a segunda etapa da Volta Ciclista da Ascensión-Gran Premio Xacobeo 2009. O segundo foi Fabio Ferreira (Crédito Agrícola Pombal) e o terceiro Sergio Carrasco (Andalucía Cajasur).

Tras o final desta segunda etapa non hai variacións na clasificación xeral individual. Rafael Rodríguez, do Supermercados Froiz, mantén o liderato e tamén segue encabezando o premio da montaña. José Aguilar (Andalucía Cajasur) é segundo e mantén a primeira posición na clasificación das metas voantes. Álvaro García, do Universidad Politécnica de Valencia-Bancaja, segue ocupando o terceiro posto.

Tampouco hai variacións na clasificación xeral por equipos, que lidera o Supermercados Froiz, nin nas de mellor galego, José Cerezo (Cidade de Lugo-Artesanía de Galicia), e mellor sub-23, Alexander Ryabkin (Lokomotiv). O novo líder da clasificación da regularidade é David Gutiérrez (Camargo-Ferroatlántica).

En canto á etapa, cómpre destacar que, despois dunha longa escapada e de diversos ataques, o equipo do líder logrou unificar o pelotón a falta duns dez quilómetros para a meta. Xa alí, en Sigüeiro, o máis rápido foi David Gutiérrez.

Última etapa
A Volta Ciclista da Ascensión-Gran Premio Xacobeo 2009 finaliza o sábado 23 de maio coa disputa da terceira etapa, que contará cunha distancia de 148,2 quilómetros. A saída real estará ubicada á altura da Escola Superior de Hostalería en A Barcia. Os cinco portos puntuables para o premio da montaña serán os de Moimenta, Aguasantas, Mourentáns, Trasmonte e Alto do Vento. E as metas voantes estarán ubicadas nas localidades de Bertamiráns e Negreira. Toda a información da Volta está dispoñible na páxina web da competición: www.voltaascension.com.

Compartir: