FESTAS

Preto de 2.500 maiores participarán en Amio nun xantar con animación e orquestra

22/05/2009 Tras o multitudinario concerto de Nena Daconte na noite do xoves 22, o terceiro día da Ascesión preséntase cargado de actividades. E para o sábado 24, unha nova edición da Festa dos Maiores.

A XI Festa para os nosos maiores, contará no recinto feiral de Amio coa presenza confirmada de 2.450 asistentes. Ademais do xantar, haberá animación de comparsas de cabezudos e da charanga TNT. E para rematar a festa, actuará a orquestra Lamas.

Funcionará un servizo de lanzadeira dos autobuses urbanos dende a praza de Galicia ata o recinto feiral de Amio a partir das 12:30 horas. O servizo retornará á praza de Galicia a partir das 18:00 horas. Este servizo será gratuíto para todos os asistentes á Festa.

Skate e rock
Na xornada do sábado desenvolverase a segunda sesión do Compostela Skate’09, onde cada un dos participantes disporá de tres minutos para convencer ao xurado das súas habilidades sobre o monopatín. Pola tarde entregaranse os premios e crearase un grafiiti.

Tamén será o día da segunda entrega do Rock na Ascensión. Desta volta estarán no escenario The Codename, Aphonnic, Barón Rojo, Warcry, Mago de Öz e Def con Dos. A partir das 19:30 horas no Multiusos do Sar.

Outra alternativa é asistir a unha nova función do monólogo de Nancho Novo no Teatro Principal, ás 20:00 ou 23:00 horas. Coma sempre haberá festa na Alameda coa orquestra Fania e música no Toural co brasileiro Pedro Moraes, a partir das 22:00 horas.

No eido deportivo, terceira e última etapa da Volta Ciclista da Ascensión, con chegada á avenida Xoán Carlos I. E no paseo da Alameda, última xornada e entrega de premios do XXXIII Campionato de Chave.

Compartir: