DEPORTES

Rafael Rodríguez, do Supermercados Froiz, primeiro líder da Volta da Ascensión

21/05/2009 Rafael Rodríguez do Supermercados Froiz, é o primeiro líder da Volta Ciclista da Ascensión-Gran premio Xacobeo 2009, tras gañar a primeira etapa da competición. Rodríguez encabeza tamén as clasificacións da regularidade e do premio da montaña. O Supermercados Froiz lidera a clasificación por equipos.

José Aguilar, do Andalucía Cajasur e Álvaro García, do Universidade Politécnica de Valencia-Bancaja, foron segundo e terceiro, respectivamente, na etapa e sono tamén na clasificación xeral individual. José Aguilar (Andalucía Cajasur) é o líder das metas voantes; José Cerezo (Cidade de Lugo-Artesanía de Galicia) é o primeiro na do mellor galego e Alexander Ryabkin (Lokomotiv) na de mellor sub-23.

O concelleiro de Deportes, e vicepresidente da Fundación Compostela Deporte, Bernardino Rama; o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Sabino Cortizo; o presidente do CC Compostelano-Muebles Compostela, Nemesio López; e José Brea Dono, do Grupo Brea, realizaron o corte de cinta que dou inicio á primeira etapa da competición.

A primeira etapa da Volta Ciclista da Ascensión tivo un ritmo trepidante, con constantes ataques. Finalmente, Rafael Rodríguez e José Aguilar conseguiron chegar á meta destacados e entre eles disputáronse a victoria, que recaeu finalmente no primeiro, converténdonse no primeiro líder da Volta.

Sigüeiro, meta da segunda etapa
O pelotón disputará o venres 22 de maio a segunda etapa, de 146 quilómetros. A xornada conta coa principal novidade de que é a primeira vez que a proba ten a súa chegada nun concello veciño, o de Oroso.

A saída neutral dende o Centro Comercial Área Central será ás 13:30 horas. As metas volantes desta xornada estarán situadas nas localidades de Ordes, Cerceda e Carballo. E o alto de Enxeriz será o porto puntuable para o Premio da Montaña. A chegada á avenida da Grabanxa de Sigüeiro está prevista para aproximadamente as 17:00 horas.

Web
Na páxina web da competición, www.voltaascension.com, pódense consultar as evolucións de cada etapa, asi como percorridos e perfís das etapas, equipos participantes, palmarés; o libro de ruta da presente edición ou os portais electrónicos das edicións do 2007 e 2008.

A Volta Ciclista da Ascensión conta co patrocinio da Sociedade Xestora do Plan Xacobeo, Grupo Brea e Área Central, e coa colaboración dos Concellos de Santiago, Oroso, Ames, Carballo, Cerceda, Negreira, Ordes, Padrón e Silleda, a Federación Galega de Ciclismo, a Deputación da Coruña e outras entidades comerciais.

Compartir: