FESTAS

Comezan as Festas da Ascensión co concerto de Los Delinqüentes no Campus Sur

19/05/2009 As Festas da Ascensión comezan o mércores 20 de maio cun programa de máis de 70 actividades que se estenderán ata o domingo-24 de maio. Serán cinco días de festa, frenéticos, con actividades a todas as horas do días. "Son unhas festas únicas, uns días pensados para que a xente de todas as idades poida gozar e vivir a Ascensión de Compostela, as festas da cidade", explica o concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro.

A primeira xornada comezará co tradicional disparo das bombas para anunciar o comezo das festas dende a igrexa de Santa Susana ás 12:00 horas. A partir do mediodía os gaiteiros, cabezudos e charangas inundarán as rúas e prazas da zona vella animando aos transeúntes coa súa música e os seus bailes.

Pola noite, a orquestra Ciclón será a encargada de darlle ritmo á primeira verbena da Ascensión, a partir das 22:00 horas, no paseo central da Alameda. No descanso, ás 23:00 horas, a música chegará da man de Los Delinqüentes, un dúo andaluz que presenta en Santiago o seu novo traballo, Bienvenidos a la época iconoclasta. É un grupo orixinario de Jerez (Cádiz) composto por Miguel Ángel Benítez e Marcos del Ojo. A súa música fusiona o ritmo da súa terra natal cun pop burlesco moi preto ao funky.

Como teloneiros actuará Liridade Noctámbula, gañadores na categoría doutras músicas do II Certame de MúsicaXove’09. De seguido, ás 24:00 horas tocará o grupo de reggae Black Ghandhi no Toural, unha revelación musical de seis artistas unidos por unha mesma mensaxe tanto nas súas cancións como na súa filosofía de vida. Inspirados pola figura de Mahatma Gandhi e as tradicións da música negra.

Ademais, na Alameda xa están dispostas todas as atraccións de feira, entre as que destaca a característica e gran noria da Ascensión de máis de 60 metros de altura, e tamén os postos e as tómbolas típicas das festas.

Festival de rock
Para a noite do venres 21 e do sábado 22, o Multiusos Fontes do Sar acolle un gran festival de rock, coa actuación de 12 grupos españois e galegos de renome, entre os que tamén se atopan dúas bandas locais de Compostela gañadoras do MúsicaXove 2008 e 2009 na categoría de metal que exercerán como teloneiros do festival, Thinking Twice e The Codename. Os grupos do festival por orde de actuación son:

· Venres 22: Thinking Twice, Pülsar, Boicot, Rosendo, Hamlet e Reincidentes.

· Sábado 23: The Codename, Aphonnic, Barón Rojo, Warcry, Mägo de Oz e Def con Dos.

As portas abriranse ás 19:00 horas e os concertos darán comezo media hora despois. As entradas xa están a venta e poderanse mercar de xeito anticipado en diferentes puntos de Santiago (A Reixa, Discos Gong); na Coruña (Portobello, Discos Gong, Discos Nanis); Ferrol (Discos M4); Ourense (Peggy Records); Vigo (Discos Lp, Tipo); Pontevedra (Tipo); e Lugo (Don Disco). Tamén se poden adquirir a través de Caixa Galicia (que realizará un desconto do 25% para os clientes con tarxeta Netclub). Para maior comodidade, poderanse conseguir entradas para un só día (25 euros/anticipada e 30 euros/taquilla) ou adquirir un bono para todo o festival (40 euros/anticipada e 50 euros/taquilla).

Compartir: